somalia mapa 3 estados ou rexions

Somalia, unha crise que non cesa

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

 División política de Somalia en febreiro de 2009; clic para aumentar
Dende o ano 1991, o país viviu unha inestabilidade constante coa división en tres partes: no Norte, fúndase por un lado, o autoproclamado Estado de Somaliland con moeda e Constitución propias, e por outro, a República de Pluntland, de marcado carácter tribal. No Sur, mantense unha autoridade política fragmentada que estanca calquera posibilidade de avance económico e social. No resto do país, principalmente no centro, vívese unha fase de transición, cunha autoridade política inestable. [Foto: División política de Somalia en febreiro de 2009].
 

A situación humanitaria en Somalia estase a deteriorar a un ritmo alarmante. Os recentes datos proporcionados por UNICEF establecen que só o 20% da poboación ten acceso á auga potable. A seca empeora, advertindo os expertos que a situación podería converterse en moi crítica dentro duns poucos meses.

O alto prezo da comida e o combustible contribúen a un elevado índice de malnutrición e a unha inseguridade alimentaria que pode recordar ás fames negras dos anos 90.

O complicado estado no que se atopa o país fai aínda máis difícil establecer un dispositivo de emerxencia, que poda paliar a situación presente e futura de Somalia.

Dende o ano 1991, o país viviu unha inestabilidade constante coa división en tres partes: no Norte, fúndase por un lado, o autoproclamado Estado de Somaliland con moeda e Constitución propias, e por outro, a República de Pluntland, de marcado carácter tribal. No Sur, mantense unha autoridade política fragmentada que estanca calquera posibilidade de avance económico e social. No resto do país, principalmente no centro, vívese unha fase de transición, cunha autoridade política inestable.

Recentemente, a Comunidade Internacional mobilizou unha cantidade sen precedentes de recursos para combatir a piratería das costas de Somalia e protexer así os seus intereses comerciais. Sen embargo, como complemento a ditos recursos, non se fixeron esforzos semellantes para establecer unha estratexia conxunta co fin de aplicar a resolución de Nacións Unidas sobre a protección da poboación civil nos conflitos armados, aprobada no ano 2006 e reafirmada cunha Declaración da Presidencia do Consello de Seguridade o 14 de xaneiro de 2009.

Por outra banda, Nacións Unidas reforzou o seu apoio á misión da Unión Africana en Somalia pero sen incluír a observación da situación dos Dereitos Humanos como parte do mandato desta operación.

Esta situación, xunto a unha política de acoso, provocou que Somalia sexa considerado uns dos lugares máis perigosos do planeta para prestar asistencia humanitaria. Segundo diversas organizacións, no ano 2008, uns 40 traballadores humanitarios perderon a vida e máis de 22 foron raptados.

Reforzar o embargo de armas que a ONU estableceu dende 1992 e tomar medidas máis enérxicas para garantir que todos os Estados, incluídos os da rexión, o respecten plenamente, é fundamental para establecer uns cimentos que permitan unha certa estabilidade da zona, e evitar así, os casos de piratería xa mencionados.

Sen embargo, o tráfico de armas converteuse nunha das poucas actividades económicas que axudan a sobrevivir aos habitantes da rexión. Co tempo, os nómadas vinculados ao transporte e mercadeo de gando, foron xubilando as tradicionais armas brancas e substituíronas por armas de fogo introducidas no país grazas a unha complexa rede de corrupción.

Aínda así, existen as bases necesarias para que o Corno de África logre a estabilidade tan ansiada pola súa propia poboación civil, xa cansa de tantos anos de conflito. Agora, unicamente queda agardar a que os recursos e as bases establecidas se complementen e sexan por fin, efectivas.