20090210 caracas no a la reelecion indefinida

Venezuela: os galegos ante o referendo

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Venezuela: Non á reelección indefinida; clic para aumentar
A opción do Non á Reelección semella a elección máis consolidada entre unha gran maioría dos galegos residentes en Venezuela, toda vez que tamén existen diversos galegos emigrantes e os seus descendentes que traballan e apoian o proxecto revolucionario de Chávez. [Foto: Cartel nunha vía de Caracas chamando ao "Non" no referendo do 15 de febreiro].
 

O decisivo proceso electoral do próximo domingo 15 de febreiro en Venezuela, onde por medio dun referendo definirase a posibilidade de postulación para a reelección indefinida de diversos cargos públicos, tales como o presidente da república, alcaldes, gobernadores e deputados, constitúe unha consulta popular de gran atención para a comunidade galega residente neste país sudamericano e caribeño.

Desde unha perspectiva global, a comunidade galega residente en Venezuela, de gran presenza empresarial, financeira, comercial, xornalística e cultural, concentra a súa presenza dentro da sociedade venezolana a través de eidos institucionais e sociais como a Irmandade Galega de Caracas. Outros centros galegos no interior do país, como Valencia e Maracaibo, amplían esta presenza social e institucional.

Dentro da Irmandade Galega de Venezuela existe un programa radial transmitido nas ondas venezolanas, "Sempre en Galiza", fusión de diversos programas radiais sobre Galicia e a súa cultura, que veñen transmitíndose desde 1961. Actualmente difundese os domingos a través de Radio Sintonía.

Temores ante a reelección de Chávez

Dentro do polarizado conflito político que vive Venezuela desde a chegada de Hugo Chávez ao poder en 1999, unha gran maioría da comunidade galega manifesta unha posición máis escorada cara a oposición ao proxecto revolucionario de Chávez, perspectiva que acrecenta todo tipo de preocupacións sobre o resultado do próximo referendo, especialmente ante a posibilidade de reelección indefinida para o presidente Hugo Chávez.

Este escenario conleva directamente a que os galegos residentes en Venezuela observen con preocupación determinados asuntos relativos á situación da propiedade privada dentro do modelo socialista que pregoa Chávez, constituíndo este apartado un eixe primordial que explica a tradicional actitude política e a votación electoral da emigración galega en Venezuela, basicamente orientada a favor da oposición.

Paralelamente, o problema da inseguridade cidadá, que afecta seriamente á sociedade venezolana, constitúe outro vértice de preocupación para a comunidade galega. Tres empresarios galegos foron secuestrados e posterioremente liberados entre 2007 e 2008, mentres dous foron asasinados por diversos casos de violencia social.

Neste sentido, a opción do Non á Reelección semella a elección máis consolidada entre unha gran maioría dos galegos residentes en Venezuela, toda vez que tamén existen diversos galegos emigrantes e os seus descendentes que traballan e apoian o proxecto revolucionario de Chávez.

Galegos no candeleiro político

Existen casos específicos sumamente significativos que permiten calibrar a presenza política e empresarial dos galegos en Venezuela. Probablemente, a figura mais relevante é a de Cándido Rodríguez Losada, natural de Ourense, alto directivo do Banco Occidental de Descuento BOD, presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Venezuela, AEGV e ex senador da emigración polo PSOE entre 2004 e 2008.

Rodríguez Losada ocupa un lugar primordial e, incluso, decisivo, na evolución das relacións entre o goberno de Chávez, a Xunta de Galicia, os empresarios galegos con intereses en Venezuela e o goberno español. Especificamente importante foi o seu concurso para remodelar saudablemente as relacións entre Caracas e Madrid ante casos delicados como a puxa verbal entre Chávez e o Rei de España tralo Cumio Iberoamericano de 2007 ou ante os recentes casos de secuestros e asasinatos de empresarios galegos residentes en Venezuela.

Pola súa banda, o goberno de Chávez posúe un emigrante galego no seu tren ministerial: Francisco "Farruco" Sesto, natural de Vigo. Con prolongada presenza académica e política en diversos sindicatos, Farruco foi viceministro e ministro de Cultura entre 2003 e 2007 e actualmente ocupa o cargo de ministro do Poder Popular para a Vivenda.

María Cristina Iglesias, nada en Valladolid pero de orixe galega, foi outra representante de importancia dentro do goberno de Chávez como ministra do Traballo dentro dunha delicada conxuntura entre 2001 e 2004, manifestada por diversas folgas e mobilizacións contra o goberno. Posteriormente, foi ministra do Poder Popular para as Industrias Lixeiras e o Comercio ata 2007.

Tanto Farruco Sesto como María Cristina Iglesias forman parte do Partido Socialista Unificado de Venezuela, PSUV, vangarda política do proceso revolucionario de Chávez. Outro emigrante galego de notable presenza comunicacional é Gonzalo Gómez Freire, cofundador e membro directivo desde 2003 do portal dixital www.aporrea.org, completamente aliñado co proceso socialista de Chávez.

Durante o duro pulso político escenificado en Venezuela entre 2001 e 2004, foi significativa a participación de Juan Fernández, fillo e emigrantes coruñeses e técnico da empresa estatal Petróleos de Venezuela, PDVSA, como líder do colectivo "Gente del Petróleo".

Fernández foi acusado polo goberno de Chávez de instigar "á rebelión social" e de "conspiración" durante a folga petroleira entre finais de 2002 e comezos de 2003, razón pola que pende unha orde xudicial de arresto na súa contra que obrigoulle a marchar ao exterior, primeiro en España e actualmente en EEUU. Fernández segue a contribuír como articulista en determinados medios de comunicación afectos á oposición.