Cousas que acontecen: Unha avogada británica esixe transparencia

“Stuff happens”, son cousas que acontecen, decía o personaxe que representaba a Ronald Rumsfeld na obra que levaba ese título do dramaturgo inglés David Hare, na que retrataba e condeaba a invasión de Iraq polos EE.UU.  Non era unha invención de David Hare porque iso decía Rumsfeld cando lle pregutaban polo caos que desatara a invasión.  A peza teatral é de 2004, cando ainda non se albiscaban moitas cousas que ían acontecer como consecuencia da invasión, non só en Iraq.

O que logo foi acontecendo era, e ainda é, resultado das decisións políticas adoptadas por EE.UU. como reacción aos atentados do 11-S, decisións que, no relativo ao dereito internacional humanitario, tiveron como base a redefinición do concepto da tortura e das prácticas abusivas artellada por Bush, Cheney e Rumsfeld (e os seus conselleiros) e que negaba todo canto consagraran os Convenios de Xenebra de 1949 e os seus Protocolos adicionais.

Ao longo dos anos foise descubrindo – e ainda falta por descubrir – unha arañeira na que foron caindo os servizos “de intelixencia” de moitos gobernos, tanto de países con deficiencias humanitarias como de países democráticos.

 Un dos países más enredados na arañeira, a xulgar polo que se sabe, é o Reino Unido, onde moitas voces reclaman a verdade das relacións do goberno de Blair, e tamén de Brown, coas prácticas aplicadas por EE.UU.

Nun ensaio co título “Non vos esquecer de dicir que fúchedes ben tratados”, na revista “London Review of Books” a avogada británica Gareth Peirce, famosa por defender e acadar a liberación en 1989 de “os Catro de Guildford” (catro irlandeses condenados en 1974 por participaren na campaña de atentados do IRA), fai unha denuncia das presuntas conivencias dos servizos secretos británicos na utilización de métodos de tortura contra presos acusados de terrorismo.

Partindo do caso de Binyam Mohamed, sometido a torturas en Marrocos durante 18 meses, e que agora a xustiza británica trata de investigar para ver si houbo colusión entre a intelixencia británica e os servizos secretos norteamericáns e marroquís, Gareth Peirce estima que o Reino Unido “é a máis secretiva das democracias”, que creou unha complexísima estrutura para ocultar detrás da cortina da “seguridade nacional” as suas malas prácticas.  Entre moitos exemplos, cita o caso de Craig Murray, embaixador británico no Uzbekistán, que denunciara as torturas que o réxime uzbeko practicaba contra os seus oponentes (entre elas, escaldalos vivos), e que foi chamado a Londres para lle comunicar que o Ministro de exteriores, Jack Straw, tomara a decisión de que, na “guerra contra o terror”, podíase utilizar información obtida mediante tortura por servizos de intelixencia extranxeiros.

Comenta que dende o final da “guerra fría” supervísase como nunca en todo o mundo a propensión humana a practicar torturas e que, mesmo así, síguense practicando crecentemente. A culpa, en boa parte, é de que “vivimos ainda, no século XXI, nun mundo cuia configuración política é a do Estado-nación” e que, para quen tén o poder político, é de suprema importancia a sua “seguridade nacional”.  Concepto íste que naceu cando os EE.UU., despois da II Guerra Mundial, mudaron de terminoloxía, ao pasar da “defesa” á “seguridade nacional” como principio da sua política exterior.

“Temos un Estado [no Reino Unido] no que os mecanismos para manter os secretos están probablemente máis enraigados que en calquer outra democracia comparable.  Estamos condenados por todo o que internacionalmente saben os organismos máis competentes das nosas actividades … que polo menos ofrecen indicios de criminalidade, mais non parece que fagamos moito caso. Os avogados do noso goberno loitan decididamente por preservar os secretos do Estado secreto, por moi noxentos que sexan”. Un caso ilustrativo é o de Shafiq Rasul, o primeiro cidadán británico que saiu de Guantánamo e que elaborou un documento de 100 páxinas no que describía as torturas a que fora sometido. “É curioso destacar que Rasul e outros presos británicos declararon que, ao se embarcaren no avión que os levaría de Guantánamo á Gran Bretaña, o representante do Foreign Office que os acompañaba, díxolles: “Non vos esquecer de dicir que fúchedes ben tratados”.

Como diría Rumsfeld, son cousas que acontecen.