A alianza rusa de Obama

Manexando escenarios xeopolíticos e estratéxicos, a recente visita de Barack Obama a Moscova foi claramente focalizada cara Afganistán, Corea do Norte e Irán. Este cumio de alto nivel co presidente ruso Dmtri Medveded e o primeiro ministro Vladimir Putin permitiulle ao mandatario estadounidense calibrar a posición xeopolítica rusa co respecto a problemas de gran magnitude para a seguridade global.

O momento luce relevante para afianzar as perspectivas xeopolíticas globais de Obama. A escasos dous días do Cumio do G-8 en Italia, Obama ansiaba consolidar o compromiso ruso por equilibrar o escenario nuclear internacional, tomando en conta os recentes desafíos formulados por Corea do Norte, das tensións internas en Irán trala fracasada rebelión post-electoral e das preocupacións estratéxicas cara Paquistán, país fronteirizo con Afganistán.

Precisamente, o escenario afgán cobra unha importancia capital, escasamente reflectida nas declaracións oficiais en Moscova e no tratamento dos medios de comunicación internacionais. Tras certificarse a primeira retirada formal e de gran nivel de efectivos militares estadounidenses en Iraq, Obama perfilou os seus intereses en reforzar o eido de seguridade en Afganistán, nunha ampla ofensiva militar contra os redutos talibáns ao sur e centro do país, que mantén claras perspectivas de corte electoral, a tenor da celebración, o próximo 20 de agosto, de eleccións presidenciais nese país centroasiático.

No momento en que estoupaba unha nova rebelión étnica da comunidade musulmana uigur na rexión chinesa de Xinjiang, fronteiriza con Afganistán, a visita a Moscova permitiulle a Obama equilibrar os intereses xeopolíticos de ambos países en Asia Central. Rusia non obstaculizará os esforzos de Obama por afianzar a presidencia de Hamid Karzai en Cabul, mentres Washington aceptará tacitamente a estratexia rusa de contención ao islamismo e as revoltas nacionalistas no Cáucaso rus, especificamente en Chechenia e Daguestán. Velaí que a nova entente entre Moscova e Washington está claramente deseñada para afianzar as respectivas posicións xeopolíticas e estratéxicas de cara a calquera arremetida do islamismo radical yihadista no espazo territorial caucásico e centroasiático.

Nos casos de Irán, Corea do Norte e Paquistán, resta por observar cal será o alcance real do novo compromiso nuclear entre Moscova e Washington. Rusia pode aducir de certa falta de influencia nos casos norcoreano e paquistaní mentres mantén no seu eido a Teherán como aliado estratéxico. Pero o pulso de poder tralos acontecementos iranianos poden modificar, dun xeito inesperado, a posición rusa co respecto a ese país. Pola súa banda, Obama tenta colocar a Corea do Norte, Irán e Paquistán nun mesmo nivel de actuación, contando coa benevolencia rusa.

Con este compromiso adquirido en Moscova, Obama interpretou un contexto claramente orientado a manifestar argumentos suficientes para colocar o eido nuclear e a estabilidade afgán como temas primordiais de discusión no Cumio do G-8 que comezou en Italia o 8 de xullo. Unha posición que deberá moderarse coa iniciativa chinesa, destinada a formular reformas de gran calibre no sistema financeiro internacional que estipulen, co paso do tempo, a concreción dunha nova reserva monetaria internacional, os Dereitos Especiais de Xiro (DEX), a fin de restar a tradicional hexemonía do dólar estadounidense.

Tanto como analizar unha futura ampliación deste grupo cara potencias emerxentes como China, Brasil e India, o Cumio do G-8 determinará a capacidade de concreción dun pulso global entre EEUU e China. Polo tanto, a diplomacia de Obama deberá medir, con maior cautela, a preponderancia xeopolítica de Beijing e os seus intereses globais. O “camiño de Moscova” e o Cumio do G-8 poden constituír para Obama o peche tentativo dunha etapa histórica con Rusia e o comezo doutra, con China e Asia como epicentros de atención.