20090112 washington barack obama felipe calderon

A América Latina que espera a Obama

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Barack Obama e Felipe Calderón; clic para aumentar
México tamén ocupará un lugar preponderante na atención de Washington, especialmente en materia de inmigración ilegal e narcotráfico. Non é casualidade que o presidente mexicano Felipe Calderón fora o primeiro mandatario internacional en reunirse con Obama antes de que este ocupe a presidencia estadounidense. [Foto: Barack Obama (esquerda) e Felipe Calderón no Mexican Cultural Institute, en Washington, o 12 de xaneiro de 2009].
 

Qué escenario hemisférico espera a Obama a partir do próximo 20 de xaneiro? Con outras prioridades probables na axenda unha vez asuma a presidencia na Casa Branca, Barack Obama observará un panorama sensiblemente cambiante nas relacións entre EEUU e América Latina.

Este panorama está determinado pola perda de influencia política de Washington na rexión nos últimos anos. Completamente concentrado en Oriente Próximo e Asia Central desde o 11/S de 2001 e sen políticas de consenso cara América Latina, os oito anos de presidencia de George W. Bush evidenciaron un cambio de orientación política na rexión, concretado na elección democrática de gobernos de centroesquerda e de esquerda.

Así, Obama verase na necesidade de inaugurar un novo momento político. Washington deberá medir o ascenso de Brasil como potencia latinoamericana que con perspectivas globais está determinando unha diplomacia efectiva na resolución de conflitos rexionais (como a crise política boliviana de agosto pasado) e na concreción de mecanismos autóctonos de integración rexional (UNASUR, MERCOSUR, etc).

México tamén ocupará un lugar preponderante na atención de Washington, especialmente en materia de inmigración ilegal e narcotráfico. Non é casualidade que o presidente mexicano Felipe Calderón fora o primeiro mandatario internacional en reunirse con Obama antes de que este ocupe a presidencia estadounidense.

Con Brasil e México como vértices de aproximación inicial para Obama, cómpre observar outros actores e escenarios de importancia, que están á espera de descifrar cal será a visión real de Obama cara América Latina. A petición aperturista de relacións esgrimida recentemente polo presidente cubano Raúl Castro cara Obama ten como obxectivo unha necesaria normalización das relacións bilaterais entre Washington e La Habana que permita, paulatinamente, rematar un embargo comercial tan prolongado como anacrónico.

Cuba é unha materia pendente para a Casa Branca que, ante o momento actual de moderada transición política na illa caribeña, ocupa un lugar simbólico esencial. O goberno de Raúl Castro espera un sinal aperturista desde Washington, ao igual que a diáspora cubana en EEUU espera unha maior clareza nas intencións, a fin de non quedar politicamente á marxe do proceso.

Venezuela e Bolivia tamén demandan as súas prioridades, especialmente dado o nivel de confrontación experimentado con Bush. O mandatario venezolano Hugo Chávez, que se xoga un estratéxico referendo de reelección indefinida nas próximas semanas, tentará ampliar as perspectivas de inclusión doutros países dentro do ALBA, a súa proposta de integración rexional. Paralelamente, Chávez reforza a súa diplomacia global tendente a minorar o peso hexemónico de Washington, con alianzas estratéxicas cara Irán, Rusia e China.

Bolivia, ás portas dunha nova Constitución a ser votada popularmente agora en xaneiro, pode constituír un foco de conflito e de pulso xeopolítico rexional, especialmente entre EEUU, Brasil e Venezuela. En decembro se realizarán eleccións presidenciais, con Evo Morales buscando a reelección. Obama deberá así reconducir as súas relacións con La Paz, non só limitadas á perspectiva da loita antinarcóticos.

Con América Central orientada cara os acordos de libre comercio e as políticas de inmigración ilegal e de criminalidade, sen esquecer as recentes friccións co goberno de Daniel Ortega en Nicaragua, resta por concluír o estado das relacións de Washington co seu aliado estratéxico mais próximo, o goberno de Álvaro Uribe Vélez en Colombia.

O 2009 determinará se Uribe finalmente modificará de novo a Constitución para volver a presentarse á reelección no 2010, un factor sensible para Washington á hora de medir unha posible ampliación andina do Plan Colombia (incluíndo a outro aliado como Perú) e á negociación do acordo de libre comercio con Bogotá, actualmente en discusión no Senado estadounidense.

De ampliarse rexionalmente o Plan Colombia no 2010, Obama verase confrontado directamente con Venezuela, Ecuador e Bolivia, países contrarios a esta ampliación. No 2009 rematará igualmente o prazo de mantemento da base militar estadounidense na poboación ecuatoriana de Manta que, tralo anuncio do presidente Rafael Correa, non será finalmente renovado. Asi pois, non son poucos os retos hemisféricos que esperan a Obama.