A década prodixiosa

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Unha aproximación á última década no acontecer político latinoamericano determina unha sensible variación dos resortes de poder. Os cambios cara diversas variables políticas da esquerda na orientación electoral e política en América Latina revelan, igualmente, unha fenda nas relacións entre EEUU e a rexión, un feito que coincide coa perspectiva histórica, trazada a partir do 2010, a través dos Bicentenarios das Independencias latinoamericanas.

Esta variable de cambios deu inicio en 1999 coa vitoria de Hugo Chávez e a revolución bolivariana (agora socialista) en Venezuela, modificando substancialmente os parámetros do denominado “Consenso de Washington” iniciado en 1990, paralelo á caída do Muro de Berlín, a desaparición da ex URSS, o fin da “guerra fría” e a aparente periclitación do modelo socialista. Este “consenso” considerou a introdución dos modelos do capitalismo neoliberal e a integración hemisférica baixo os parámetros da Área de Libre Comercio para as Américas (ALCA), instaurada dende a Casa Branca.

Como reacción a este modelo, unha vaga de gobernos esquerdistas, con alternativas formas de mobilización social e relacións de poder, comezaron a manifestarse en diversos países latinoamericanos: Brasil, Uruguai, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, Paraguai, O Salvador, Guatemala ou Chile experimentaron o ascenso de diversos liderados e propostas, nunha manifestación de cambios orientada a propiciar a democracia social e a modificar as pautas de relación con EEUU, afastando así a idea do “patio traseiro” e, incluso, cuestionando as súas políticas.

Paralelo ao proceso de cambios políticos, a rexión comezou a erixir novas manifestacións de integración (ALBA, UNASUR) diametralmente diferentes aos parámetros da ALCA que, desde 1994, tenta afincar, con escaso éxito, Washington na rexión. A mensaxe política era clara: América Latina, coas súas particularidades, diferenzas e prioridades, demandaba camiñar soa nun mundo paulatinamente máis multipolar, que manifesta un traspaso de poder da tradicional hexemonía occidental cara Asia e o Pacífico.

Precisamente, dentro desta perspectiva global, a rexión afinca a súa voz no mundo. Se en 1999 o modelo neoliberal globalizador apuntaba a México como a referencia hemisférica, a rexión observa hoxe a emerxencia de Brasil como modelo e actor global preponderante. Igualmente, outros países como China, Rusia, Irán e India, adiantaron últimos anos novas pautas de integración cara América Latina, sempre con Brasil como epicentro.

Aínda que os índices de pobreza, exclusión e desigualdades sociais evidenciaron notorias melloras na rexión nesta última década, resulta claro que estes problemas seguen a constituír serios retos para a estabilidade e a calidade democrática en América Latina. Sen esquecer as complexidades e tensións que supoñen os cambios políticos, a democracia consolidouse como modelo e referencia nesta última década no escenario político latinoamericano, co reto de fortalecer as institucións públicas, a probidade administrativa e o fomento dunha democracia máis social, participativa e incluínte.

Quen observa actualmente a realidade latinoamericana notará unha radical variación política co respecto aos decenios anteriores. Se a década 1999-2009 foi a dos cambios, o próximo decenio que comeza no 2010 determinará os alcances dos mesmos e a capacidade dos gobernos e das sociedades latinoamericanas para consolidar os progresos sociais e a estabilidade política e económica. Atrás semella quedar na rexión aquela perniciosa perspectiva sobre a “década perdida”.