Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A encrucillada peruana
Roberto Mansilla Blanco (Xornal de Galicia, 18/06/2009)

Versión para imprimir

 

A rebelión dos indíxenas amazónicos peruanos contra o goberno de Alan García, debido á aprobación dun decreto e dun proxecto de lei que beneficiarían ás multinacionais e contra da preservación das comunidades nativas e do medio ambiente, defínese como o momento clave do espertar político dos indíxenas peruanos, ata agora aletargados en comparación cos seus veciños bolivianos e ecuatorianos.

Neste sentido, o indixenismo peruano adoecía dunha estrutura e plataforma política relevantes, que lle permitira ingresar no escenario político como un actor fundamental. Con isto, o indixenismo político peruano aparentemente comeza a unificar criterios e posicións de actuación, especialmente concentrados na Asociación Interétnica de Desenvolvemento da Selva Peruana (AIDESEP) como actor primordial e na posible formación dun movemento, o Proxecto Político Perú Plurinacional, con claras pretensións electorais para os comicios presidenciais de 2011.

Pero por riba desta posible agrupación política do indixenismo peruano está un factor determinante que mide o pulso político peruano actual: a violencia suscitada nas rexións amazónicas do norte e oeste do país, escenificada entre o goberno de García, a través da forza pública, e diversos grupos indixenistas e simpatizantes. Violencia que, a pasada semana, deixou máis de tres decenas de mortos, así como decenas de detidos e desaparecidos.

O goberno de García asiste a súa peor crise política interna, suscitada ante a repentina violencia armada no Amazonas nun momento en que, presuntamente, efectivos das anteriores guerrillas de Sendeiro Luminoso e o Movemento Revolucionario Túpac Amaru comezan a reagruparse no rural peruano.

Diversos parlamentarios e membros do seu gabinete comezan a estar en contra dos decretos e a lei a aprobarse, mentres que a crise indixenista xa arroxou as súas primeiras desercións: a ministra da Muller, Carmen Vildoso, renunciou por estar en contra da represión oficial realizada contra os indixenistas, igual que o primeiro ministro Yehude Simón, contrario á aprobación destas leis, finalmente paralizadas no Congreso. A decisión de Simón de desmarcarse de Alan García pode, igualmente, ser descifrada en termos de ambicións presidenciais de cara aos comicios de 2011.

Mentres, a propia Defensoría do Pobo peruano decretou como inconstitucionais os polémicos decretos, mentres as asociacións indíxenas anuncian fortes mobilizacións nacionais para as próximas semanas.

Igualmente, García enfrontase a unha crise xeopolítica de delicada magnitude no contexto andino, especificamente en torno aos seus veciños Bolivia, Ecuador e Venezuela, así como Nicaragua, país que outorgou asilo político a Alberto Pizango, o indíxena líder da AIDESEP e quen foi acusado polo goberno peruano de sedición e rebelión, con posibilidade de ser sentenciado a 35 anos de cárcere. Para minorar a crise diplomática en curso, o goberno peruano finalmente aprobou a saída de Pizango cara Nicaragua.

García acusou directamente a Evo Morales e Hugo Chávez de estar detrás da rebelión amazónica, mentres diversos parlamentarios do seu partido amosaban presuntas probas da implicación do presidente boliviano. Ao mesmo tempo, insinuou que o líder nacionalista esquerdista peruano Ollanta Humala (candidato presidencial para 2011), recibiu apoio de A Paz e Caracas, acusacións obviamente rexeitadas por estes gobernos.

Pero o pulso verbal debe observarse principalmente desde o contexto xeopolítico: Bolivia, Venezuela, Ecuador e Nicaragua son membros do ALBA e abertos críticos co goberno de García, xunto a Colombia o mais notorio aliado estadounidense na rexión andina.

O presidente peruano corre o risco de verse inmerso en diversas acusacións de violacións dos dereitos humanos contra os indíxenas, a tenor da represión policial, da súa intransixente actitude de non dar marcha atrás aos decretos e da diminución dos canais de negociación coa AIDESEP. Fora do país andino aumentan as protestas e acusacións sobre a represión policial intensificada por un García atrapado nunha delicada encrucillada política.

 

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta