Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A farsa hondureña
Roberto Mansilla (igadi.gal, 30/11/2009)

Versión para imprimir

 

 O triunfo electoral de Porfirio Lobo, do opositor Partido Nacional, non fai senón reafirmar o pacto político establecido polos principais partidos políticos hondureños que se confabularon para derrocar, vía golpe de Estado, ao lexítimo presidente elixido Manuel Zelaya.

Este pacto, que levou a Lobo ao poder, ten un cerebro estratéxico, o presidente golpista de facto Roberto Michelletti, contando non só co apoio das oligarquías hondureñas, da Igrexa Católica e das Forzas Armadas, senón coa benevolencia táctica de Washington. Durante varios meses, a diplomacia estadounidense barallou diversas variables e escenarios en torno a Michelletti e Zelaya, probablemente coa pretensión de “queimar o tempo político”, a fin de achegarse a unhas eleccións que deran paso a un presidente “lexitimamente electo”.

Por isto, as eleccións do 29 de novembro posúen escasa marxe de lexitimidade democrática. A Fronte de Resistencia contra o Golpe de Estado, diversas ONGs de dereitos humanos e os simpatizantes de Zelaya denunciaron unha vaga de detencións ilegais e arbitrarias, así como un sostido abuso e acoso militar, que afondaron o clima de medo e polarización á hora de votar.

Se ben o Tribunal Supremo Electoral recoñeceu o triunfo de Lobo con máis do 60% dos votos, diversas fontes afirman que a abstención electoral achegaríase ao 70%, un índice que resta ese carácter de lexitimidade ao proceso que buscaban tanto Michelletti como Washington dentro dun contexto de polarización e contrariedade popular cara estes comicios.

O discurso de unidade nacional ofrecido por Lobo unha vez coñecida a súa vitoria semella máis orientado a concretar este pacto previamente establecido entre os dous principais partidos, o Liberal e o Nacional, a fin de constituírse nos poderes hexemónicos do escenario político e institucional hondureño “post-Zelaya”. Partidario da “man dura” contra a delincuencia, Lobo gobernará un país polarizado e fragmentado, cun 66% de pobreza e elevados índices de inseguridade cidadá.

Paralelamente, o soterrado pulso mantido por Washington e Brasilia en torno á restitución presidencial de Zelaya quedará conxelado e, posiblemente, sepultado nos próximos meses. Deste xeito, pode que o deposto presidente hondureño remate converténdose nun obstáculo que irrite as relacións entre EEUU e Brasil, razón pola que o posible entendemento entre Washington e Brasilia finalmente desgaste as xa case nulas posibilidades de restitución de Zelaya.

Resta así observar cal será a reacción da Fronte da Resistencia e dos partidarios de Zelaya de cara á proclamación do novo presidente e dos novos poderes públicos en Tegucigalpa, que pode dar curso a unha maior conflitividade social e política. Ao igual que o golpe de xuño pasado e a crise posterior, a farsa electoral do pasado 29 de novembro en Honduras revela un pernicioso exemplo para a democracia latinoamericana. ¿Que fará a OEA e a comunidade internacional a partires de agora?

 

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/12/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta