Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A madurez do ALBA
Roberto Mansilla (igadi.gal, 13/07/2009)

Versión para imprimir

 

Ecuador, San Vicente e as Granadinas e Antiga e Barbuda acaban de ingresar no ALBA, aumentando así a nove os países membros deste organismo de integración, impulsado principalmente polo presidente venezolano Hugo Chávez. O VI Cumio do ALBA celebrado na cidade venezolana de Maracay tamén revalidou a necesidade de rebautizar este organismo, que agora pasa a denominarse Alianza Bolivariana para a nosa América.

Diversas perspectivas e enfoques suxire o ingreso de novos socios no ALBA, pero é especialmente significativa a inclusión de Ecuador, un país andino con potencialidade petroleira e agrícola, dolarizado e ata agora incuestionablemente orientado cara os mecanismos de integración impulsados dende Washington, a través dos tratados de libre comercio (TLC). Durante o seu discurso de ingreso no ALBA, o presidente ecuatoriano Rafael Correa asegurou que o seu país non volverá a orientarse cegamente cara os TLC estadounidenses.

Sen desmerecer o impacto do ingreso das dúas illas caribeñas, San Vicente e as Granadinas e Antiga e Barbuda, escenario que consolida a posición estratéxica enerxética de Venezuela, a inclusión ecuatoriana no ALBA provocará un impacto xeopolítico de notable consideración na rexión andina, o cal reforza tamén a posición central de Chávez como epicentro de impulso dun novo tipo de integración.

Con Ecuador, Bolivia e Venezuela, son tres os países andinos que forman parte do ALBA, incluso coa posibilidade de integración a mediano prazo dun actual socio observador como Paraguai. Este escenario complicaría os intereses e as perspectivas de Washington para a rexión andina, especialmente en materia de loita antidrogas, bases militares, tratados de libre comercio e influencia xeopolítica.

Washington só conta con Colombia e Perú como aliados directos, pendente da evolución política e electoral nestes país a curto e mediano prazo. Colombia celebrará eleccións presidenciais no 2010, á espera de coñecer se o presidente Uribe Vélez finalmente se presentará, ou ben dará paso a unha sucesión que asegure a continuidade do “uribismo”.

Pola súa banda, Perú levará a cabo as súas presidenciais en 2011, dentro dun contexto sumamente complexo. O descontento e mobilización de diversas comunidades indíxenas e sociais contra os decretos de explotación amazónica do goberno de Alan García, finalmente anulados polo Congreso peruano, pode servir de plataforma para asentar unha candidatura nacional de esquerdas liderada por Ollanta Humala, simpatizante co chavismo e defensor da integración no ALBA.

Avanzando en América Central, o Caribe e a rexión andina, o ALBA está proporcionando unha posición estratéxica clave para un Chávez que inevitablemente orientará a súa expansión cara o espazo sudamericano. Pola súa dimensión económica e xeopolítica, Brasil, Arxentina, Uruguai e Chile converteríanse en socios apetecibles, aínda que sexan escenarios tamén determinados polas respectivas conxunturas electorais, políticas e económicas. Estes países celebrarán comicios presidenciais entre 2009 e 2011, momentos clave para medir estas conxunturas.

No recente cumio do ALBA, Chávez comparou a súa expansión co momento histórico dos bicentenarios das independencias latinoamericanas. A realidade obriga a medir o impulso que o ALBA pode imprimir nunha rexión marcada polas desigualdades e as crises económicas.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta