Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A senda de Correa
Roberto Mansilla (igadi.gal, 29/04/2009)

Versión para imprimir

 

A revolución de Rafael Correa definitivamente está “refundando” os cimentos da política ecuatoriana. En só dous anos logrou impulsar un amplo proceso constituínte que levouno, entre outras cousas, a aprobar unha nova Constitución vía referendo popular e ser reelixido no cargo presidencial, cunha maioría absoluta que contrasta coa inestabilidade crónica dos anteriores gobernos do país andino.

 

Por vez primeira en tres décadas, un presidente ecuatoriano alcanzaba unha maioría absoluta electoral que evitaba a incerteza propia das segundas voltas. Con elevados índices de popularidade e un movemento político, o Alianza País, a piques de alcanzar a maioría parlamentaria, Correa concentra a iniciativa intepretando un sentir social, definido na estabilidade que necesita Ecuador para ser gobernado.  

 

Dez mandatarios nunha década supón unha pesada carga para calquera sociedade, e mais nun momento en que a crise económica global e a caída dos prezos do petróleo e das remesas de emigrantes son factores que impoñen o fortalecemento dun determinado liderado e dun proxecto especifico de país especifico. O 52% dos ecuatorianos depositaron esa confianza en Correa e o seu movemento.

 

Correa seguirá así trazando os pasos da axenda política ecuatoriana. A maioría parlamentaria permitiralle avanzar toda vez que a oposición segue a conformar un conglomerado amplo e fragmentado, definido en torno ao magnate Jaime Nebot, do PRIAN, e o ex golpista e ex presidente Lucio Gutiérrez, da Sociedade Patriótica. Aínda que Correa prometeu un amplo diálogo nacional, deixou clara a súa disposición de non negociar con ambos líderes.

 

Paralelamente, a reelección presidencial de Correa consolida a expansión andina dos procesos constituíntes iniciados en Venezuela en 1999 e continuado en Bolivia no 2005. Os paralelismos existentes entre os procesos venezolano, boliviano e ecuatoriano levaron a definir, directa ou indirectamente, un eixe xeopolítico entre Correa, Hugo Chávez e Evo Morales. 

             

Correa aposta pola integración sudamericana, ampliando os organismos e integración e defendendo a creación dunha moeda común como mecanismo económico. Pero a súa orientación exterior terá tres eixes claros: Brasil, Venezuela e EEUU. Os dous primeiros corresponden a alianzas e modelos con influencia non só para Correa senón no escenario ecuatoriano. Así, Correa orientará a súa política exterior con marcado énfase en reforzar os lazos con Lula e Chávez.

 

Por contra, a “dolarización” da economía ecuatoriana, a presenza dunha gran emigración dese país en EEUU e o peso doutros factores como a loita antidrogas e os intereses comerciais e ambientais, definen a axenda de Correa con EEUU. Cabe así intuír un momento de maior apertura nas relacións entre Quito e Washington, agora con Barack Obama na Casa Branca.

 

Política e electoralmente consolidado, Correa terá factores de peso para acometer os efectos que a crise económica mundial terán nun país como Ecuador, sumamente dependente dos prezos das materias primas. Non obstante, a súa revolución “refundadora” non terá marcha atrás nun país por tantos anos necesitado dun liderado e un proxecto unificado e definido. Rafael Correa e o movemento Alianza País semellan ocupar ese espazo necesario.

 

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta