Augas calmas en Caracas

A visita a Caracas do ministro español de Asuntos Exteriores Miguel Ángel Moratinos pecha parcialmente unha etapa marcada polos altibaixos diplomáticos entre España e Venezuela, iniciada a partir de 2002, dentro dunha conxuntura determinada polo momentáneo golpe en Venezuela contra o goberno de Hugo Chávez, e a orientación do mandatario venezolano cara súa proposta socialista e bolivariana.

Para ninguén resulta un segredo que a razón da visita de Moratinos a Venezuela estaba principalmente condicionada por factores de índole empresarial e económica, a raíz do proceso de nacionalización acelerado por Chávez a partir de 2007. A magnitude da presenza empresarial na misión de Moratinos, especialmente os representantes de Repsol, Iberdrola, Banco Santander, Factorías Vulcano, etc, reafirma porqué o ministro de Exteriores venezolano, Nicolás Maduro, considerou esta visita como un paso cara unha “alianza enerxética estratéxica de gran magnitude” entre España e Venezuela.

Diversos factores explican, igualmente, as razóns da visita de Moratinos a Caracas. Os beneficiosos acordos enerxéticos alcanzados por Repsol na importante Faixa Petrolífera do Orinoco, onde se estiman existen as maiores reservas de cru despois do Mar Caspio, constitúe unha importante iniciativa no subministro enerxético, ampliadas cara os acordos alcanzados por Iberdrola para a explotación de gas cíclico na poboación oriental de Cumaná. Igualmente, os acordos de construción de buques e patrulleiras para a Armada venezolana, por parte de Vulcano e Rodman e Phylips, reforzan esa visión de negocios manifestada na visita de Moratinos.

Non se debe esquecer outro aspecto importante, presente nas demandas realizadas por diversos colectivos de emigrantes españois en Venezuela, especificamente canarios e galegos, sobre as expropiacións realizadas desde 2002 no país sudamericano, a raíz da aplicación da Lei de Terras e das posteriores nacionalizacións do goberno de Chávez no eido económico.

O acordo de crear unha comisión mixta que estude este aspecto, cuxa primeira reunión será en Caracas o próximo 13 de agosto entre o viceministro venezolano de Exteriores e o Cónsul español na capital venezolana, da conta deste cambio de actitude nas relacións hispano-venezolanas, máis pragmáticas e orientadas a posibilitar escenarios de entendemento e cooperación.

Non obstante, Caracas e Madrid deben traballar en axendas conxuntas con maior amplitude. A manifestación dunha tensa preocupación, ataques incluídos, na prensa e opinión pública española cara o proceso venezolano, pode suxerir friccións a curto e mediano prazo, especialmente ante o próximo arribo a Madrid dun novo embaixador venezolano, Isaías Rodríguez, ex fiscal xeral e ex vicepresidente da república bolivariana.

Neste sentido, Caracas calcula con minuciosidade os resortes diplomáticos con España, incluíndo como embaixador a unha persoa “amplamente comprometida co proceso revolucionario”, segundo estiman altos representantes do goberno venezolano. Pola súa banda, e a piques de iniciar a metade do seu segundo mandato, Zapatero baralla as súas cartas, con vistas ás eleccións xerais de 2012 e nun momento en que América Latina iniciou oficialmente os actos conmemorativos dos Bicentenarios das súas independencias políticas. Dentro desta conxuntura, Zapatero tenta atopar escenarios de diálogo mais fluídos con América Latina, aínda que tamén determinados polos intereses empresariais españois.

Tras Venezuela, Moratinos visitou Brasil, potencia emerxente e auténtico líder hemisférico, pero probablemente coa atención colocada cara outros escenarios de importancia, como a crise política hondureña tralo golpe de Estado, os procesos de integración hemisféricos (ALBA mediante) e as vicisitudes formuladas no proceso de transición cubana. As augas calmas en Caracas poden contribuír, en ambas partes do Océano Atlántico, a abrir os necesarios espazos de diálogo e entendemento.