Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Chávez e a crise bancaria
Roberto Mansilla (igadi.gal, 10/12/2009)

Versión para imprimir

 

 A recente intervención estatal en Venezuela de sete entidades bancarias, todas elas cun modesto impacto dentro do sistema financeiro venezolano (aproximadamente un 7% do nivel total de aforros), así como doutros organismos financeiros e aseguradoras, deixou entrever diversos aspectos de relevancia que afrontan importantes desafíos para o presidente Hugo Chávez.  

En principio, a actual crise bancaria retrotraeu á memoria dos venezolanos da situación acaecida en 1994, cando a caída dun dos entón piares do sistema bancario venezolano, o Banco Latino, elevou as alarmas dentro do sistema financeiro. Sen acontecer o nivel de dramatismo social en comparación co ocorrido quince anos atrás, a crise actual deu paso a unha rápida actuación do Banco Central de Venezuela (BCV), a fin de evitar crises de pagos e insolvencia financeira.

Burguesías de novo cuño

Pero os dilemas para o goberno de Chávez apuntan cara outros aspectos, probablemente máis relevantes dende a perspectiva social e política. Diversos sectores dentro do chavismo e da oposición enfilan as súas acusacións cara un importante sector socioeconómico aparecido baixo o amparo do proceso revolucionario de Chávez, unha especie de nova elite financeira e económica que, despectivamente, se etiqueta como a “boliburguesía”, acrónimo do que se considera a “burguesía bolivariana”.

Nun país en constante transformación das súas estruturas de poder que, paralelamente, está dando paso a unha puxa entre diversas elites, a atención actual está enfocada cara esta eventual “boliburguesía”, unha nova clase beneficiada da bonanza petroleira xerada nos últimos anos así como dun eficaz oportunismo político que non escatima en perpetuar vellos vicios de corrupción e burocratismo.

 Esta clase de novos banqueiros e empresarios, algúns deles tamén ligados con antigas elites de poder, irromperon no sistema financeiro venezolano probablemente coa finalidade de acabar co monopolio ata agora establecido polas tradicionais elites sociais, políticas e económicas.

A recente intervención estatal e xudicial do goberno de Chávez deu paso ao arresto de diversos banqueiros presuntamente acusados de negocios ilícitos, unha reacción oficial tan necesaria como, contraditoria e perniciosamente, podería estar tocando diversas fibras da estrutura de poder instaurada en Venezuela nos últimos anos.

Un caso que exemplifica esta situación está contido na recente renuncia do ministro do Poder Popular  para Ciencia e Tecnoloxía, Jesse Chacón, un dos máis prominentes colaboradores de Chávez. Chacón deixou o gabinete presidencial ante as investigacións que o Ministerio Público leva a cabo contra un dos seus irmáns, presuntamente acusado de escándalos de corrupción.

Non obstante, o problema semella identificado na actuación contra un clima de corrupción que debía ser remediado inmediatamente, tal e como reclamaban insistentemente diversos sectores do chavismo e, incluso, da oposición, pero que, paralelamente, podería constituírse nun serio obstáculo para o avance da revolución bolivariana.

Afrontando os custes políticos

Atenazado ante esta perspectiva, así como ante as dificultades xeradas nos últimos meses pola escaseza de alimentos e o racionamento de servizos básicos como a auga e a electricidade, que poderían manifestar síntomas de descontento social, o presidente Chávez decidiu actuar de inmediato, a fin de garantir os depósitos bancarios nunha época tan sensible como ás festas de Nadal, proclive para o consumismo.

Pero a crise financeira de 2009 suporá unha calculada lección de carácter político para Chávez, un toque de atención que derive nunha actuación máis decidida cara a corrupción derivada da confluencia de diversas estruturas de poder. Un problema que pode incluso estar incrustado en altas esferas dirixentes dentro do gobernamental Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV)

Con este panorama, a clave pode probablemente orientarse cara a iniciativa que leve a cabo Chávez ante o sórdido pulso manifestado por diversas elites de poder, tanto as anteriormente establecidas como as nacidas nos últimos anos en Venezuela. Un escenario que, irremediablemente, conformará un difícil e revelador exercicio de equilibrio político a mediano prazo.

Actuando a consciencia desta situación, Chávez estará decidido a non correr riscos políticos que dificulten un horizonte electoral estipulado para o período 2010-2012, no que se xogan importantes bazas políticas e onde precisará dunha renovada mobilización popular e electoral. Unha actitude máis decisiva á hora de encarar á corrupción e o burocratismo poden así converterse nos próximos obxectivos de Chávez.

 

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/12/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta