Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Colombia: o “Israel latinoamericano”?
Roberto Mansilla (Xornal de Galicia, 06/08/2009)

Versión para imprimir

 

As actuais negociacións entre EEUU e Colombia para a ampliación da súa cooperación militar, iniciada co Plan Colombia no ano 2000 e concretada coa posibilidade de colocar bases militares estadounidenses nese país sudamericano, afonda a posibilidade de que Bogotá estease convertendo no principal aliado estadounidense no hemisferio occidental, unha réplica do que constitúe Israel para Washington en Oriente Próximo.

De visita en Brasil dentro dunha xira por sete países latinoamericanos, o presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez afirmou unha especie de “estratexia de distensión” xeopolítica e militar que, desde diversas perspectivas, pode considerarse como unha disuasión posiblemente orientada cara a contención do presidente venezolano Hugo Chávez e dos seus aliados rexionais, sendo estes Ecuador e Bolivia.

As recentes revelacións por parte do goberno colombiano das presuntas conexións militares entre Chávez e a guerrilla colombiana das FARC, xunto aos roces diplomáticos de Caracas e Quito con Bogotá, especialmente trala revelación dun presunto financiamento das FARC á campaña electoral do presidente ecuatoriano Rafael Correa, poden influír na perspectiva de Uribe de concretar unha maior cooperación militar con EEUU que, tacitamente, conte coa aprobación brasileira.

O asesor militar do goberno de Barack Obama, o xeneral Jim Jones, estivo tamén esta semana en Brasilia a fin de persuadir ao goberno de Lula da Silva de que a cooperación militar con Colombia constitúe, oficialmente, un aspecto de asunto “humanitario” e de loita contra o narcotráfico. Non debe esquecerse que, para finais de 2009, EEUU debe abandonar a súa base militar na localidade ecuatoriana de Manta, na fronteira con Colombia, o cal obrigaría a buscar un destino mais seguro para as súas operacións militares, especificamente antinarcóticos.

Pero as perspectivas poden ser aínda mais amplias. Washington semella orientar esta cooperación a mediano e longo prazo, observando tamén os próximos procesos electorais en Colombia e Brasil e os cambios políticos na rexión, especialmente en escenarios “candentes” como Venezuela, Bolivia, América Central e Cuba.

Colombia e Brasil celebrarán eleccións presidenciais no 2010 dentro de conxunturas similares. Nin Uribe nin Lula poden postularse constitucionalmente a unha nova reelección, perspectiva que obrigaría a Washington a afincar novos actores de cooperación. No caso de Uribe, existe a posibilidade de celebrar un referendo a finais de 2009 para poder modificar a Constitución colombiana para presentarse de novo como candidato no 2010. Pero todo depende da decisión do Tribunal Supremo e Constitucional colombiano, onde as cartas non semellan estar exactamente a favor de Uribe.

Polo tanto, Obama e Uribe semellan afincar a posible candidatura de Juan Manuel Santos, ex ministro de Defensa colombiano e íntimo aliado presidencial, como candidato do “uribismo” para o 2010. Santos é un aberto detractor de Chávez e Correa, tanto como afinca a necesidade de propiciar unha rápida derrota militar das FARC. Precisamente, o Exército colombiano está acelerando nestes días unha operación militar a gran escala para acabar cos maiores redutos das FARC, especialmente contra o seu poderoso xefe militar Jorge Briceño, alias “Mono Jojoy”.

De concretarse e ampliarse a cooperación militar entre Colombia e EEUU, a rexión pode dar curso a un acelerado incremento da carreira armamentista, con Colombia, Venezuela e Brasil como principais expoñentes. A loita contra o narcotráfico e as FARC pode ser a prioridade “oficial” de Washington e Bogotá, pero o obxectivo xeopolítico semella claramente deseñado en provocar unha “tenaza” cara Chávez e Correa, a fin de evitar un posible maior espallamento do “chavismo” na rexión andina.

Na mente dos gobernos de Washington e Bogotá está tamén as próximas eleccións presidenciais peruanas de 2011 e a posibilidade de que un aliado de Chávez como é Ollanta Humala teña posibilidades de gañar a presidencia, ampliando así o “eixe do ALBA” na rexión andina. Con isto, a estratexia antinarcóticos de Washington sufriría outro gran revés político, que obrigaría a afincar aínda mais a súa alianza militar con Bogotá.

O temor en Washington e Bogotá ao espallamento do “chavismo” na rexión andina afondase ante as súas alianzas militares con Rusia e Irán, que inclúen a Ecuador e Bolivia. Non é así casual que o ministro de Asuntos Exteriores, Avigdor Lieberman, visitara recentemente a rexión para denunciar a presenza iraniana e o presunto apoio de Chávez a Teherán e os movementos islamitas Hamas e Hizbulah.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/08/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta