Deriva autoritaria en Venezuela?

Unha frenética arremetida xudicial con brotes de posibles represalias políticas, denuncias de persecución contra a oposición, protestas sociais e laborais e nacionalizacións en diversos sectores, definen un complexo panorama sobre a orientación real da “revolución socialista” do presidente Hugo Chávez.

A dinámica xudicial comezou a mediados de abril, trala condena a 30 anos de prisión contra tres altos cargos policiais, acusados de estar implicados nos violentos sucesos acaecidos en abril de 2002, que levaron a un golpe cívico e militar contra Chávez.

Tras sete anos de prisión preventiva e un proceso xudicial considerado o mais longo da historia venezolana, as reaccións políticas xeradas pola sentencia final salientaron os aspectos relativos á polarización existente. Diversos sectores, afectos ao chavismo, defenderon unha decisión que realizaba a primeira condena xudicial contra presuntos culpables. Pola súa banda, a oposición considerou como “retaliativa” esta decisión.

Entre a xustiza e as represalias

Sen estar completamente pechado o escuro capítulo dos sucesos e o golpe de 2002, os seguintes pasos xudiciais concentráronse en aspectos relativos á presunta corrupción contra determinados gobernadores e alcaldes da oposición.

Deste modo, foron imputados Pablo Pérez (gobernador do estado occidental de Zulia); César Pérez Vivas (do estado sudoccidental andino de Táchira); Henrique Salas Feo (do estado central e industrial de Carabobo); Manuel Rosales, actual alcalde da cidade de Maracaibo (estado Zulia), así como ex gobernador do Zulia e ex candidato presidencial contra Chávez en 2006. Do mesmo xeito, estase investigando a xestión administrativa do ex alcalde “chavista” de Caracas, Juan Barreto.

Os gobernadores Pablo Pérez, César Pérez Vivas e Salas Feo, así como o alcalde Rosales, gañaron os seus respectivos cargos nas últimas eleccións municipais de novembro de 2008. Legalmente constituídos, observouse unha presunta intención do goberno central de interferir nas súas respectivas xestións incluso antes de que asumiran os seus cargos.

Dos casos anteriormente esgrimidos, Rosales constitúe o mais significativo, debido a que non acudiu a presentarse a tribunais para pedir asilo político en Perú, aducindo ser un “perseguido político” do réxime de Chávez. A concesión de asilo a Rosales está por abrir unha delicada conxuntura diplomática entre os gobernos peruano e venezolano. O goberno de Chávez xa pediu á INTERPOL a súa captura internacional. 

O tenso panorama político venezolano levou ao Parlamento Europeo a emitir unha dura resolución sobre a situación dos dereitos humanos nese país, na que se condenaba o “deterioro da democracia venezolana” que se atopa en “grave risco debido á concentración de poder e o autoritarismo crecente” do goberno de Chávez, así como repudiaba a “persecución e discriminación política contra a oposición”, especialmente no caso de Rosales.

Ao mesmo tempo, a Corte Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) considerou noutro informe que países como Colombia, Cuba, Haití e Venezuela “necesitan mellorar a defensa e cumprimento dos dereitos humanos”. A CIDH amosou a súa preocupación polo “ambiente político hostil” existente en Venezuela, así como o “acoso á oposición e ONGs, a corrupción xudicial, as trabas legais para a liberdade de expresión e a inseguridade cidadán”.

Ambos informes foron “categoricamente” rexeitados polo goberno venezolano, en boca do seu recen nomeado embaixador en Washington, Roy Chaderton. No caso da CIDH, esta critica ao goberno venezolano por non permitirlle visitar o país para facer unha radiografía da situación dos dereitos humanos.

Paralelamente, aumentan as denuncias e cobertura informativa, por parte de diversos sectores políticos, xudiciais e de medios de comunicación opositores tanto en Venezuela como no exterior, sobre determinados casos de corrupción dentro do goberno de Chávez.

As denuncias centranse nos manexos oficiais sobre a compra de armamentos a Rusia, presuntas prebendas e contratos favorables a empresas petroleiras estranxeiras e o xuízo que actualmente levase a cabo en Miami por espionaxe e corrupción contra un cidadán venezolano-estadounidense, acusado de financiar ilegalmente a campaña electoral da actual presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner

Desarmando á oposición

Para reafirmar a centralización administrativa que permita desnivelar a balanza cara os gobernadores e alcaldes da oposición, Chávez anunciou a finais de marzo o nomeamento de sete vicepresidencias rexionais, da que a primeira elección foi para o Distrito Capital, coa ex ministra Jacqueline Faría como nova vicepresidenta.

A falta de designarse os outros vicepresidentes rexionais, Chávez xustificou esta designación “a dedo” como parte da nova “xeometría nacional do poder”. Pola súa banda, a oposición identifica estes nomeamentos como un “golpe de Estado” do presidente contra “a Constitución, a elección popular e a descentralización administrativa” iniciada en 1990, así como un descoñecemento oficial dos alcaldes e gobernadores opositores elixidos popularmente nos pasados comicios municipais. Estes sectores cualifican aos novos vicepresidentes como os “virreis de Chávez”.

Precisamente, os nomeamentos de novos vicepresidentes complican o panorama político para a oposición, especialmente de cara aos comicios lexislativos de 2010 e as presidenciais de 2012. Medios venezolanos consideran que a elección de Faría para a vicepresidencia do Distrito Capital, que concentra a Caracas e outros seis municipios, supón unha redución do 90% das atribucións administrativas e financeiras que legalmente corresponden á Alcaldía Maior, cargo no que foi elixido democraticamente o opositor Antonio Ledezma en novembro pasado.

Dentro do Distrito Capital, o “chavismo” só conserva actualmente o Municipio Libertador, o de maior poboación e onde se concentran os poderes estatais. Os outros municipios están en mans da oposición, quen xa fixeron causa común a favor de Ledezma.

Nacionalizacións con conflitividade laboral

Paralelo ao pulso entre Chávez e a oposición, resulta notorio o caudal de protestas sociais e laborais actualmente existentes, que levaron o pasado 1º de maio a unha gran manifestación nacional convocada polos partidos e sindicatos opositores a Chávez, e que foi violentamente dispersa polos organismos de seguridade do Estado. Desde diversos sectores clámase contra o que considerase un principio de represión política gobernamental.

O aumento da inflación (30% no que vai de 2009), a disparidade salarial, a incontrolable inseguridade cidadán, o significativo desemprego (que podería alcanzar o 20%) e a crise económica, están provocando folgas e protestas en sectores sensibles como a educación, a sanidade e os traballadores petroleiros e dos sectores siderúrxico, enerxético e mineiro, nas rexións orientais e sudorientais, como Guayana.

Nos últimos seis meses, en 15 das 24 rexións de Venezuela desatáronse 50 conflitos laborais, 32 deles no sector privado, por incumprimento dos contratos de traballo e despidos. As protestas laborais poden espallarse na medida en que os baixos prezos do petróleo e o impacto da crise mundial afecten seriamente a economía venezolana.

O complicado panorama electoral non persuade a Chávez a afondar o proceso de intervención estatal e nacionalización como motores da construción do socialismo bolivariano. Tras aprobación lexislativa o pasado 7 de maio, Chávez anunciou a nacionalización estatal de todos os bens e servizos activos que estaban operando con empresas privadas estranxeiras en coordinación con Petróleos de Venezuela (PDVSA), considerando que agora serán parte da “propiedade social”.

Igualmente, o goberno venezolano decretou o “traspaso ao pobo” do  complexo cultural do Ateneo de Caracas, ata agora en mans privadas, dentro da ampliación do denominado proceso de “revolución cultural”. No seu lugar, este complexo albergará a Universidade das Artes.

Se ben poucos dubidan da sólida popularidade de Chávez (segundo a última enquisa da empresa Datanálisis, Chávez ten un 61% de aceptación popular), os recentes casos de presunta persecución xudicial contra a oposición, unida a unha conflitividade laboral e social in crescendo, poden afectar a orientación do seu proceso revolucionario, afondando unha radiografía claramente definida pola polarización social e a constante tensión política. Moitos sectores temen que Chávez oriente a revolución cara unha deriva mais autoritaria e centralista.