Enigmas no Kremlin

Unha das claves políticas máis relevantes do 2010 enfocase na continuidade da alianza Medveded-Putin que actualmente goberna en Moscova.

Apartados xeográficos Rusia
Idiomas Galego

Unha das claves políticas máis relevantes do 2010 enfocase na continuidade da alianza Medveded-Putin que actualmente goberna en Moscova. Fortalecida en 2008, tras dous mandatos do actual primeiro ministro Vladimir Putin (2000-2008), solidificado coa actual presidencia de Dmtri Medveded, a evolución deste tándem político determinará, en gran medida, as variables do futuro político de Rusia, en especial ante as próximas eleccións de 2012.

Se tomamos en conta unha aproximación á radiografía actual da política rusa, poden apreciarse sinais de aparente distanciamento entre Medveded e Putin. En novembro pasado, durante un discurso ante a Duma ou Parlamento, o actual presidente ruso marcou distancias co legado do seu antecesor Putin, defendendo unha serie de reformas estatais que, en gran medida, poden modificar a estrutura de poder instaurada por Putin a partir de 2000.

Estas medidas afectarían, en especial, aos denominados siloviki, as elites burócratas herdeiras da ex KGB soviética actualmente infiltrada na nos servizos secretos de seguridade (FSB) así como noutras altas cúpulas do poder, incluíndo a Igrexa Ortodoxa. Non obstante, e tomando en conta diversas perspectivas, este aparente distanciamento pode igualmente obedecer a unha sutil táctica política destinada a desarmar á debilitada oposición política rusa, fortalecendo a continuidade do tándem Putin-Medveded alén das presidenciais de 2012.

En todo caso, Medveded pretende camiñar polo seu rumbo. Nos últimos meses apreciase unha variación na estrutura de poder dos siloviki, nunha manobra de Medveded aparentemente destinada a afastar a súa permeabilidade no Kremlin a favor de diversos aliados civís cos que contou no pasado, en especial durante a súa estadía na alcaldía de San Petersburgo. Este reacomodo de elites de poder explica unha táctica anteriormente utilizada por Putin, cando este substituíu abruptamente a estrutura dos “oligarcas” do falecido ex presidente Boris Ieltsin nos primeiros anos da Rusia post-soviética a favor dossiloviki.

Paralelamente, nas últimas semanas comezan a manifestarse situacións específicas de inestabilidade dentro de Rusia, a través de atentados e asasinatos políticos, en especial nas repúblicas do Cáucaso Norte.

Pode argumentarse a presunta implicación dos movementos separatistas chechenios ou doutras minorías étnicas nestes episodios de violencia contra a autoridade rusa, así como do yihadismo islamita aínda presente na zona. Non obstante, a proliferación de diversas mafias e grupos de poder nesta rexión, con máis que probables  conexións en Moscova, poden igualmente estar manifestando un escenario de inestabilidade destinado a debilitar e confrontar a Putin e Medveded.

En diversos círculos de poder en Moscova comeza a cuestionarse a fortaleza do tándem Putin-Medveded, así como do futuro da política rusa, lastrada pola proliferación de autoritarismo político, xerarquías burocráticas e paternalismo. Síntomas de descontento poden así xurdir entre as diversas elites e nas Forzas Armadas, con posibilidade de “golpes palaciegos” no Kremlin.

Persuadidos a manter a súa autoridade, coa finalidade de evitar fisuras e futuros escenarios de inestabilidade que compliquen os seus intereses alén das eleccións de 2012, Medveded e Putin tentarían afincar as bases de poder nas súas respectivas elites dentro do estamento militar, da seguridade nacional e do sector enerxético. Todo isto acrecenta o enigma ruso do que tanto falaba Winston Churchill, que revela a incomprensión occidental cara o que realmente sucede no Kremlin.