Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
O reto do FMLN
Roberto Mansilla (Vieiros, 11/03/2009)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Propaganda electoral candidatura Mauricio Funes (FMLN); clic para aumentar
Mitin electoral de Rodrigo Ávila (ARENA); clic para aumentar
A campaña electoral salvadoreña afonda a consolidación e polarización dos dous principais actores políticos deste país, o FMLN (foto superior) e o partido dereitista Alianza Republicana Nacionalista, ARENA, no poder nos últimos dous decenios.
 
As eleccións presidenciais en O Salvador, a celebrarse o próximo 15 de marzo, marcarán unha pauta decisiva dentro da atribulada historia contemporánea do país centroamericano. No centro do escenario está a posibilidade dunha histórica vitoria electoral para a esquerda, neste caso do candidato Mauricio Funes, da ex guerrilla da Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN).

Baixo este contexto, a campaña electoral salvadoreña afonda a consolidación e polarización dos dous principais actores políticos deste país, o FMLN e o partido dereitista Alianza Republicana Nacionalista, ARENA, no poder nos últimos dous decenios. Nas eleccións lexislativas e municipais de xaneiro pasado, o FMLN obtivo a maioría lexislativa e importantes prazas a nivel nacional.

Son diversas as variables que condicionan a importancia dos próximos comicios presidenciais salvadoreños. A posibilidade dun histórico cambio político, en mans do FMLN, significaría pechar una difícil e escura etapa salpicada pola guerra civil que viviu o país entre 1980 e 1992, con mais de 75.000 mortes. Así, a reconciliación social só será posible afondando a perspectiva de recuperar a memoria histórica, reivindicando as vítimas e procesando aos culpables aínda impunes e libres.

O eido social cobrará unha importancia capital para o próximo goberno salvadoreño, tomando en conta a acción de bandas criminais e un alza indiscriminada da inseguridade cidadán e secuestros que supera a actuación das autoridades. A crise económica global e o seu impacto nun país subdesenvolvido, dependente das materias primas agrícolas e das remesas monetarias dos seus emigrantes, especialmente afincados en EEUU, será outro tema de relevancia.

Velaí que que queda por saber como evolucionará o Tratado de Libre Comercio con EEUU, especialmente ante unha vitoria da esquerda do FMLN. Xa existen presións en Washington por remodelar estes acordos comerciais, con medidas incluso mais proteccionistas.

O cambio representado nunha vitoria do FMLN significaría tamén a consolidación dunha variante esquerdista en América Latina. O Salvador seguiría así a senda electoral enmarcada en América Central por gobernos como o de Daniel Ortega en Nicaragua e Manuel Zelaya en Honduras e, no contexto hemisférico, con Hugo Chávez en Venezuela, Evo Morales en Bolivia e Rafael Correa en Ecuador. Un hipotético goberno do FMLN significará tamén unha xanela política importante para a Cuba de Raúl Castro e a posibilidade dun membro mais na plataforma continental do ALBA, impulsada por Chávez.

Esta variante xeopolítica esquerdista representada no FMLN influirá directamente nas relacións salvadoreñas co seu principal socio comercial, EEUU. Desde 1980, os líderes e presidentes provenientes do partido ARENA afincaron aínda mais a implicación política, militar e comercial estadounidense no país centroamericano.

Resta así observar cal sería a posición do goberno de Barack Obama ante o cambio político representado no FMLN, moi probablemente mais afecto a consolidar un achegamento político, enerxético e económico coa Venezuela de Chávez. Deste modo, o pulso hemisférico mantido polo presidente venezolano con EEUU pode igualmente reproducirse no escenario salvadoreño e centroamericano.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2009
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta