Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Os Kirchner enfróntase ao reto lexislativo
Roberto Mansilla Blanco (A Nosa Terra, 25/06/2009)

Versión para imprimir

 

As decisivas eleccións lexislativas na Arxentina do próximo 28 de xuño modificarán substancialmente o panorama político nese país, coa vista posta na carreira presidencial de 2011. Velaí que os comicios lexislativos supoñan, para os actores políticos involucrados, un test de gran envergadura, a pesar da apatía e das suspicacias dos electores.

Ninguén dubida que a presidenta Cristina Fernández de Kirchner e o seu esposo, o ex presidente Kirchner, xogan as súas principais cartas nestes comicios. Para os Kirchner, as eleccións supoñen unha especie de referendo sobre a xestión presidencial dentro dun contexto marcado pola crise económica global e o alza da inseguridade cidadán neste país sudamericano.

Independentemente dos intereses e das expectativas dos actores involucrados, a situación política actual amosa unha marcada atomización e volatilidade de alianzas políticas, en gran medida fraguadas polo excesivo personalismo dos candidatos. Néstor Kirchner tenta apuntalar unha plataforma homoxénea, encarnada nun peronismo de esquerdas con ampla base popular, que lle permita perfilarse como unha eficaz opción presidencial para o 2011.

Pero o panorama semella complexo. Xorden fendas claras dentro do “kirchnerismo”, determinadas por unha serie de rupturas e candidaturas desafiantes que complicarán as opcións de Kirchner para alzarse como abandeirado deste espectro social e político tan variado como supón o peronismo.

Pola súa banda, a oposición establece diversos criterios electorais e de candidaturas, en gran medida supeditadas ao carisma e capacidade de manobra dos candidatos existentes. As rupturas no “kirchnerismo” deron paso á presentación pública de novos liderados, como o ex vicepresidente Julio Cobos, o empresario Francisco de Narváez ou o ex gobernador Felipe Solá, erixidos como estandartes dunha oposición tan volátil e atomizada como o espectro electoral que, aparentemente, permanece fiel aos Kirchner.

Paralelamente, outros candidatos orientados cara o centrismo de dereitas e de corte socialdemócrata, como son o empresario e actual alcalde bonaerense Mauricio Macri e a líder da Unión Cívica Radical, a incansable Elisa Carrió, buscarán consolidar as súas posicións de cara ao 2011.

O exceso de personalismo político manifesta un preocupante déficit de elección democrática dentro dos partidos, alianzas e movementos políticos que dominan o escenario arxentino. Á escasa participación das bases deses movementos na elección das candidaturas, moitas delas creadas de forma circunstancial, engádese a consideración de candidaturas de claro corte nepotista, manifestando a proliferación e consolidación de clans políticos entre o centro e a periferia arxentina, que moitas veces coartan os procesos de elección democrática.

Do mesmo modo, non se debe esquecer a perspectiva das eleccións arxentinas definidas en torno ao contexto rexional. América do Sur asistirá ata finais de ano a decisivos procesos electorais en Bolivia, Uruguai e Chile, socios importantes para Arxentina dentro dos marcos de integración rexionais. O momento clave serán tamén as eleccións presidenciais brasileiras previstas para finais de 2010, que poden remover a orientación política manifestada nos últimos anos na rexión sudamericana.

En xogo está a renovación da metade do Congreso Nacional e un terzo do Senado, escenario moi significativo de cara a postular candidaturas e opcións políticas para o 2011. Todo isto incrementará o nivel de tensión política nos dous anos que restan de presidencia para Cristina Fernández de Kirchner, que poderían agudizarse na medida en que os conflitos sociais volvan a ocupar a atención política. Se Arxentina decide, en gran medida, o seu futuro político o próximo 28 de xuño, os Kirchner mergúllanse nunha complexa dinámica que pode finiquitar o seu protagonismo central na vida política do país.

 

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta