Qué futuro para Afganistán

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

Hamid Karzai busca a súa reelección presidencial o próximo 20 de agosto sen visos dunha notoria mellora no escenario afgán e, por conseguinte, do contexto centroasiático. Con amplas cartas de vitoria ao seu favor, Karzai tentará consolidar, aceleradamente, a estratexia rexional de Washington, que ten a Afganistán no seu epicentro.

O clima político e social do país resulta inestable e complexo. Case a metade do seu territorio está azoutado pola violencia, fragmentado en diversos liderados tanto dos denominados “señores da guerra” como dos xefes tribais de carácter feudal e das milicias talibán. Numerosos centros de votación non abrirán debido á violencia persistente. As tropas da OTAN que apoian a Karzai só poden garantir un mínimo de gobernabilidade pouco máis alá da capital Cabul.

Con estas perspectivas, Karzai concentra os seus apoios políticos en liderados e medidas legais sen absoluto carácter democrático. O apoio do sanguinario “señor da guerra” Rashid Dostum, garantiría a Karzai numerosos votos entre a comunidade étnica uzbeca pero ataría os movementos futuros do presidente afgán, suxeito ao apoio de determinados líderes sinalados dende o exterior como claros violadores dos dereitos humanos.

Pola súa banda, a recente aprobación dunha inaceptable e restritiva lei contra as mulleres, destinada a favorecer as demandas dos clans tribais xiítas, supón para Karzai outra carta de apoio electoral con nula pretensión democrática. Curiosa e contraditoriamente, en Teherán, o detestado por Occidente presidente Ahmadíneyad acaba de admitir a tres mulleres no seu goberno, un xesto aperturista e histórico probablemente concibido para restar presión interna e externa ao seu goberno.

Con isto, o bando opositor a Karzai, fragmentado nunha serie de candidaturas practicamente descoñecidas a diferenza do candidato Abdullah Abdullah, ex aliado do actual presidente, non semella capaz de vencer nuns comicios absolutamente monitoreados dende o exterior. O presidente estadounidense Obama enfila as súas cartas na vitoria de Karzai, aínda que aparentemente non exista empatía entre ambos. Aínda así, e dentro dun escenario político viciado, Karzai supón a opción máis segura para os intereses occidentais.

Karzai poderá facer historia ao conseguir a súa reelección ante o limitado voto popular. Pero as perspectivas de alcanzar a democracia en Afganistán semellan, cando menos, opacas e dubidosas. A violencia, a escasa autoridade estatal en diversos territorios, o complexo mosaico étnico e tribal e a preponderancia política dos “señores da guerra” e dos seus intereses condicionan o futuro do país.

Como en Iraq, a ilusa liberdade afgán evidencia o fracaso estratéxico de Washington a partir de 2001, colocando ao arco xeopolítico que vai de Asia Central a Oriente Próximo nunha complexa e perigosa encrucillada.