Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Revolución con acento evanxélico en Venezuela
Roberto Mansilla (Xornal de Galicia, 16/04/2009)

Versión para imprimir

 

Un aspecto escasamente tratado sobre o proceso revolucionario impulsado polo presidente venezolano Hugo Chávez ten que ver coa influencia e implicación da mensaxe e do credo relixioso nos seus discursos. Para aqueles que estean familiarizados co discurso “chavista” e a cultura popular da sociedade venezolana, non debe resultar complicado descifrar que, en gran medida, o discurso “bolivariano e revolucionario” de Chávez catapulta un gran caudal emotivo de composición relixiosa.

Descifrar levemente o discurso “relixioso” de Chávez implica considerar aspectos relativos á realidade social das crenzas relixiosas en Venezuela. Tradicionalmente afecta á Igrexa Católica, a tal punto que un censo de 1990 estimaba nun 96% os venezolanos que se consideraban “católicos, apostólicos e romanos”, nos últimos dous decenios a sociedade venezolano experimentou unha considerable auxe das igrexas evanxélicas e protestantes, a tal punto que un estudo publicado a finais de 2008 calculaba nun 20% a poboación evanxélica en Venezuela.

Desde mediados da década de 1990, o impulso das comunidades evanxélicas nas clases populares e marxinadas comezou a restar o espazo de actuación social tradicionalmente ocupado pola Igrexa católica, un proceso que coincide precisamente tamén coa mobilización e o ascenso político do “chavismo” nesas mesmas clases populares e dentro do escenario público venezolano.

A auxe do credo evanxélico en Venezuela

Dentro do espectro relixioso en Venezuela resulta esencial considerar unha dinámica mestura de crenzas, principalmente nas clases mais populares, que conxugan a mensaxe católica proveniente da evanxelización española do século XVI con crenzas autóctonas afroamericanas e indíxenas, con ampla base social no Caribe e nas Antillas.

Así, o culto popular venezolano afirmase cun alto caudal de relixiosidade nas expresións cotiás, manifestadas pola elevada crenza relixiosa das clases sociais venezolanas (especialmente as mais populares e humildes), onde se venera e santifica a figuras relixiosas (a Divina Pastora e o Divino Neno), personalidades das que se atribúen supostos milagres (o doutor José Gregorio Hernández) e deidades de orixe indíxena e autóctono (María Lionza).

Dentro deste contexto de relixiosidade popular xorde a auxe do “evanxelismo” en Venezuela, proceso tamén suxeito a factores de índole socioeconómica e política. Un observador da realidade social e relixiosa venezolana de comezos da década de 1990 da conta da proliferación de igrexas de culto evanxélico:os Testemuñas de Xehová, o Centro Cristiá para as Nacións, a Igrexa Adventista do Sétimo Día, Asembleas de Deus en Venezuela, así como comunidades de luteranos, metodistas, pentecostais, mormóns, etc, que anteriormente tiveran gran aceptación popular en EEUU, México, América Central e Brasil.

O paulatino proceso de empobrecemento das clases medias e populares venezolanas a partir da década de 1990 revitalizou esta presenza social das igrexas evanxélicas, definida así como actores e movementos inclusivos das clases sociais marxinadas do proceso de desenvolvemento económico e político.

A labor social das igrexas evanxélicas nas clases populares aumentou a conversión e adscrición social cara estes credos relixiosos, en detrimento da tradicional hexemonía da Igrexa católica. A chegada de Hugo Chávez ao poder en 1998 engadiu outro elemento de actuación para as igrexas evanxélicas, enmarcadas agora como actores implicados no proceso político “bolivariano e revolucionario” defendido por Chávez.

O discurso “relixioso” de Chávez

A revolución impulsada por Chávez provocou unha directa confrontación coa xerarquía da Igrexa Católica venezolana, inclinada principalmente cara a oposición política. Paralelamente, a aprobación por vía popular da Constitución Bolivariana en 1999 deu un maior impulso social e político aos movementos e igrexas evanxélicas, que comezaron a ocupar un espacio tradicionalmente dominado pola igrexa católica.

Dentro deste ambiente de polarización sociopolítica, os movementos evanxélicos definiron, directa e indirectamente,un maior apoio público ao proceso revolucionario de Chávez, mentres a Igrexa católica definiu unha posición abertamente contraria, a tal punto que constituíse nun actor fundamental dentro da plataforma política opositora. Neste contexto, creceron os ataques verbais entre Chávez e a cúpula católica.

O factor comunicativo constitúe un eixe central de difusión a nivel popular do discurso político de Chávez. Este eixe de difusión comprende desde 1999 as alocucións radiais e televisivas de Chávez denominadas “Aló Presidente”, así como diversas aparicións públicas, destinadas a exercer de enlace comunicativo coa sociedade e, principalmente, coas clases populares afectas ao seu proceso revolucionario.

Dentro deste proceso comunicativo, Chávez enfoca diversos discursos cunha forte (e oportuna) mensaxe de tipo relixioso, que conecta directamente coas crenzas e esperanzas das clases populares. En diversas ocasións, Chávez afondou a súa condición de “católico, apostólico e romano”, incluso recitando con certa frecuencia unha das súas frases favoritas: “se Cristo baixara á Terra, sería bolivariano e estaría a favor desta revolución”. As referencias bíblicas son tamén constantes nos seus discursos, incluso comparando situacións da política venezolana con pasaxes históricos do cristianismo.

O apoio político de determinadas comunidades evanxélicas aparentemente non semella confrontar a esencia laica no oficialmente denominado “Socialismo do Século XXI” impulsado por Chávez. A confrontación política coa cúpula dirixente da Igrexa Católica venezolana, a quen o propio Chávez ten acusado de “haber pervertido a verdadeira mensaxe de Cristo”, manifesta tamén un elemento de identificación de que o conflito de clases sociais en Venezuela tamén posúe o seu compoñente relixioso.

Chávez e as igrexas evanxélicas

Paralelamente, desde o 2000 a auxe das igrexas evanxélicas permitiulles obter unha ampla difusión a través de diversos espazos radiais e televisivos. Diversas estacións de radios populares foron compradas por igrexas evanxélicas mentres comezaron a ser comúns as aparicións de líderes evanxélicos en espazos televisivos considerados “prime time”, de maior audiencia.

Un elemento esencial para entender o apoio das igrexas evanxélicas ao proceso revolucionario de Chávez ten que ver coa protección oficial da liberdade de credos relixiosos adoptada pola Constitución Bolivariana de 1999, actualmente vixente. Con isto, a implicación política das comunidades evanxélicas foi oficialmente aceptada cando, a mediados de 2003, o presidente Chávez instou a incluír a esta comunidade relixiosa como actor fundamental na mesa de negociacións que levaba a cabo o goberno coa oposición, a fin de buscar unha solución política e legal á polarización e o conflito existente.

Esta mesa de negociacións delimitou os pasos para que, en agosto de 2004, celebrarase un referendo revogatorio sobre o mandato de Chávez, gañado polo presidente venezolano. Antes da celebración dese referendo, no marco dun acto social coa presenza do propio presidente venezolano, diversas comunidades e igrexas evanxélicas oficializaron o seu apoio público a Chávez no referendo.

Non obstante, pódense diferenciar determinados aspectos diferenciais entre as igrexas evanxélicas que apoian a Chávez. Algunhas identifican nos seus sermóns a Chávez como unha especie de “mesías” propagador dun plan divino enviado por Deus, mentres outras establecen nel ao continuador da mensaxe de Cristo manifestado nos evanxeos. Outras comunidades evanxélicas, principalmente luteranas e protestantes, manifestan un maior rexeite a Chávez, ao que acusan de manipular a mensaxe cristiá.

Dentro da dinámica de polarización existente en Venezuela, o factor relixioso e a súa influencia política ocupa un papel preponderante que, incluso, traspasa as fronteiras venezolanas. Resulta así significativa a alocución do popular e influínte telepredicador evanxélico estadounidense Pat Robertson quen, no 2005, ordenou o asasinato de Chávez por constituír “unha ameaza para EEUU”, debido a súas alianzas “co comunismo e co extremismo islámico”, con probable referencia ás estreitas relacións de Chávez con Cuba, China e Irán.

Para reafirmar a conexión política da comunidade evanxélica con Chávez, a Rede de Igrexas Cristiás de Venezuela (REDICVEN), principal organismo de apoio a Chávez dentro da comunidade evanxélica, rexeitou publicamente estas palabras de Robertson contra o mandatario venezolano, afincando nun comunicado público non só o seu apoio a Chávez e o carácter cristiá do seu proceso revolucionario senón “a inherencia doutros países (EEUU)”, nos asuntos venezolanos.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/04/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta