Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Tensión en Honduras
Roberto Mansilla (igadi.gal, 26/06/2009)

Versión para imprimir

 

Una estraña rebelión militar contra o presidente hondureño Manuel Zelaya, a piques de celebrarse o próximo domingo 28 un referendo popular para a reelección indefinida, coloca no centro do tapete unha serie de escenarios, que teñen que ver coa orientación democrática e xeopolítica que está a vivir América Latina.

A celebración do referendo de reforma constitucional que estipula a reelección presidencial mantén polarizado ao país centroamericano. O presidente Zelaya conserva determinados apoios políticos e sociais, especialmente nos sectores da esquerda, para alcanzar unha reelección obstaculizada por diversos sectores de clase media, empresarios e outras institucións, que aducen a ilegalidade e inconstitucionalidade desta consulta.

O Congreso hondureño, onde Zelaya está en minoría, entrou no centro do escenario tras aprobar determinadas leis que regulan os plebiscitos populares, aducindo mesmo a posibilidade de investigar e, incluso, destituír a Zelaya do cargo presidencial.

Ante diversos rumores dunha posible intervención militar na política interna, Zelaya decidiu destituír ao Alto Mando militar, nun momento en que o ministro de Defensa renunciaba ao seu cargo, en clara alusión á súa contrariedade pola celebración deste referendo. Con diversos matices, a tensión interna en Honduras afronta os dilemas derivados da relación existente entre os poderes públicos, o estamento militar e a consolidación de mecanismos democráticos a nivel hemisférico.

O factor ALBA

Pero as variables da crise política hondureña en curso semellan estar máis vinculadas a factores externos. Non deixa de chamar a atención o feito de que a crise hondureña emerxera logo da celebración do VI Cumio do ALBA en Venezuela, organismo do que Honduras forma parte desde principios deste ano. Igualmente, Zelaya incluíu a Honduras en PETROCARIBE, organismo de integración enerxética impulsado por Chávez.

Este contexto pode explicar, en gran medida, as reaccións en Honduras e EEUU contrarias á celebración dunha consulta popular para a reelección de Zelaya. A recente ampliación do ALBA, que agora integra a 9 países, entre eles Ecuador e outras illas caribeñas, amosa unha perspectiva de xiro xeopolítico para Honduras, tradicionalmente orientada cara os mecanismos de integración estipulados dende Washington.

Aos tratados de libre comercio subscritos polos gobernos anteriores a Zelaya se suman unha serie de acordos en materia de inmigración e combate á delincuencia, tomando en conta a potencialidade de grupos delitivos como son os Mara Salvatrucha, e as súas conexións no escenario centroamericano e, incluso, cara EEUU.

Zelaya, terratenente, membro da oligarquía local e líder dun partido historicamente considerado como liberal e de centrodereita, manifestou un radical cambio de orientación na política exterior do seu país desde que chegou á presidencia no 2006. Zelaya achegouse cara Cuba e Venezuela, pedindo desculpas persoais diante de Fidel Castro pola concentración no seu país dos “contras” antiinsurxentes na década de 1980, ata vincularse a Chávez como simpatizante do “socialismo do século XXI” e adherirse ao ALBA.

Estes factores levaron a duras críticas e consideracións dende Washington, especialmente do ex asesor para a política hemisférica do goberno de Bush, o coñecido anticastrista Otto Reich. Aínda que o cambio de goberno na Casa Branca determinara unha nova etapa, esta perspectiva de preocupación cara a orientación xeopolítica e económica dun país clave en materia de inmigración para EEUU cobra importancia ante a crise actual, manifestada pola inédita rebelión duns militares que saíron ás rúas a manifestar o seu descontento político contra Zelaya e as súas pretensións reeleccionistas.

É posible un golpe militar?

A perspectiva dunha influencia chavista en Honduras causa evidente preocupación en diversos sectores sociais e políticos do país centroamericano e, obviamente, en EEUU. Os beneficios enerxéticos e económicos alcanzados por Honduras tralo seu ingreso no ALBA teñen, en gran medida, certo tipo de conexión coas pretensión de Chávez de crear núcleos xeopolíticos hemisféricos dispostos a frear a influencia estadounidense e do ALCA.

Tendo en conta que Daniel Ortega goberna en Nicaragua (outro país membro do ALBA) e Mauricio Funes e a ex guerrilla do FMLN acaban de asumir goberno no Salvador (país afectado pola presenza dos “contras” en Honduras durante a súa guerra civil nos anos oitenta), para Washington resulta complexo asumir que Honduras poida constituír unha nova perda de influencia no contexto centroamericano, rexión onde ven atando tratados de libre comercio desde mediados dos anos noventa.

O pulso hondureño dista moito de esclarecerse, especialmente ante a rebelión militar (con posibilidades de golpe de Estado) e o apoio frontal manifestado por Fidel Castro, Chávez e o ALBA en conxunto a Zelaya, que poden complicar a súa posición de cara ao referendo do próximo domingo 28. Un referendo que está no centro do furacán, con diversos sectores premendo a Zelaya para a súa celebración ou cancelación.

De xestarse un golpe militar, o contexto hemisférico sería igualmente complexo para o novo goberno en funcións, tomando en conta a activación da Carta Democrática da OEA (2001) que rexeita calquera ruptura da orde legal e constitucional. A crise pode, tentativamente, dirimirse no seo da OEA, con duras posicións hemisféricas que complicarían a adopción dunha solución política viable á crise.

Pero a repentina crise hondureña evidencia, igualmente, as manifestacións do pulso de poder entre diversos modelos e alternativas hemisféricas de integración que, inevitablemente, supoñen unha puxa por espazos de influencia entre Washington e Caracas. E tamén afronta un dilema vital, centrado na viabilidade dunha necesaria separación de poderes e respecto pola vontade popular, que afirme a consolidación democrática hemisférica.

 

 

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta