Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Unha Constitución para Bolivia
Roberto Mansilla (Vieiros, 23/01/2009)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Bolivia dille si á nova Constitución; clic para aumentar
Bolivia asistirá o próximo domingo 25 de xaneiro a un referendo constitucional clave para pulsar nas urnas a aposta do presidente Evo Morales de “refundar o país”.
 
Bolivia asistirá o próximo domingo 25 de xaneiro a un referendo constitucional clave para pulsar nas urnas a aposta do presidente Evo Morales de “refundar o país”. Máis de 3,8 millóns de bolivianos están chamados a exercer o seu voto nun novo test electoral que aumenta a súa importancia dentro do contexto político interno e rexional.

Como comenta frecuentemente o propio Morales, esta sería a primeira vez que unha Constitución en Bolivia será sometida ao voto popular desde a promulgación do primeiro texto constitucional en 1825. Como eixe central da nova proposta constitucional, establécese no primeiro dos seus 411 artigos que “Bolivia constitúese nun Estado unitario social de dereito plurinacional, comunitario, libre, independente, soberano, democrático, intercultural, descentralizado e con autonomías”.

As enquisas auguran un novo triunfo da opción de Morales orientada a crear unha nova Constitución de carácter progresista, con marcado énfase na defensa dos dereitos dos historicamente marxinados pobos indíxenas bolivianos. Así mesmo, a proposta constitucional de Morales tamén establece un reforzamento do papel do Estado como actor central na economía, a consideración de que a relixión católica deixe de ser o único culto oficial, diversos aspectos de carácter ambiental e a prohibición de asentar bases militares no territorio.


Acabará o pulso político?

Estas propostas obrigan a realizar unha ollada ao panorama político boliviano, que transmite unha sensación de segmentación política e territorial. O apoio social e político ao presidente Morales está concentrado no seu partido Movemento ao Socialismo (MAS), os movementos indixenistas e de esquerda, basicamente afincados en torno á capital La Paz e o oeste do país.

Paralelamente, a oposición política segue a consolidar o seu peso central nas rexións orientais de Santa Cruz, Beni, Tarija e Pando. Estes departamentos, popularmente coñecidos como a “Media Lúa” concentran as maiores riquezas en hidrocarburos, gas natural e produción gandeira. A plataforma opositora completase co apoio a nivel nacional do partido PODEMOS, de movementos de centrodereita e a Igrexa católica, contraria á perda do seu histórico privilexio como culto oficial.

O agudo pulso entre Morales e a oposición paralizou durante 17 meses, entre 2006 e 2007, a redacción do novo texto constitucional. Entre xaneiro de 2007 e setembro de 2008 (cun referendo revogatorio por medio celebrado en agosto de 2008 e gañado por Morales), o proceso de discusión e redacción da proposta constitucional provocou violentos disturbios e confrontacións a nivel nacional.

Esta violenta confrontación foi finalmente solucionada en setembro pasado coa efectiva intervención diplomática de Brasil, a través da Unión de Nacións do Sur (UNASUR). Dende entón, a rápida e eficaz intervención diplomática de UNASUR permitiu estabilizar moderadamente o pulso político boliviano.


A clave autonomista

Este novo proceso constituínte na rexión andina amplía tamén a perspectiva de reconstrución dos poderes públicos nacionais establecida por Hugo Chávez en Venezuela en 1999 e continuada por Morales en Bolivia a partir de 2006 e Rafael Correa en Ecuador desde 2007. Velaí a importancia xeopolítica do proceso boliviano, inseparable da conxunción de intereses exteriores que involucran a países como Venezuela, EEUU e Brasil.

Ao igual que o seu carácter xeopolítico, o factor autonomista concentra as claves que explican o pulso político que vive Bolivia desde 2006. O novo texto constitucional a ser sometido a votación popular establece catro niveis de autonomía: departamental (con 36 competencias exclusivas), rexional, municipal e indíxena, así como a aprobación dunha Lei de Autonomías e Descentralización que regulará a elaboración dos distintos estatutos de autonomía.

Aquí radica esencialmente a oposición dos departamentos orientais ao proxecto de Morales, en especial ante a proposta de centralizar en mans “do Estado e do pobo boliviano” os recursos enerxéticos e naturais, o cal restaríalle aos prefectos dos departamentos da Media Lúa a capacidade de xestión unilateral destes recursos e, eventualmente, a posibilidade de tentar a opción separatista.


Un reto para Obama

Moi probablemente a opción constitucional de Morales resulte gañadora o próximo 25 de xaneiro, razón pola que é posible a celebración de comicios presidenciais o próximo 6 de decembro, agora no marco dunha nova Constitución e con novos poderes públicos. O que non semella claro é se a polarización política entre Morales e a oposición dará paso a maiores escenarios de confrontación violenta.

Como afirmaran recentemente o propio Morales e o seu principal aliado exterior Hugo Chávez, unha das claves da estabilización boliviana poden radicar na pericia do novo presidente estadounidense Barack Obama para moldear unha relación mais estreita entre Washington e La Paz. Bolivia imponse así como un serio reto hemisférico para as perspectivas de cambio que anunciou Obama no seu discurso de investidura presidencial.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/01/2009
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta