Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Uribe e a reelección
Roberto Mansilla Blanco (Xornal de Galicia - Mirada Global, 21/05/2009)

Versión para imprimir

 

Cabe apreciar diversas variables nas intencións do presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez por alcanzar a súa segunda reelección presidencial nos comicios previstos para maio de 2010. Amparado pola recente votación favorable do Senado e a falta da decisión do Tribunal Constitucional, onde probablemente tamén será aprobado o referendo para a reelección, o presidente colombiano pica adiante no camiño das candidaturas para os comicios do próximo ano.

Co referendo reeleccionista, Uribe persegue dous grandes obxectivos: consolidar a hexemonía do “uribismo” dentro do escenario político colombiano; e aplanar o camiño para certificar un hipotético final do conflito armado coas FARC, ás que Uribe tentará desarmar e desmobilizar nun próximo período presidencial. A falta de celebrarse o referendo que lle permita postularse para un novo período, Uribe levará a iniciativa en canto ás candidaturas presidenciais, en especial de cara ao seu ex ministro de Defensa Juan Manuel Santos, quen renunciara horas antes da votación no Senado, coa firme intención de lanzar a súa candidatura polo “uribismo”, no caso de que non se aprobara este referendo.

Certificando que non existe “uribismo sen Uribe”, o mandatario colombiano neutralizou as posibles ambicións presidenciais de Santos así como, probablemente, evitou unha posible erosión do “uribismo”. Este escenario reproduce o exemplo seguido polo seu veciño venezolano Hugo Chávez tralo referendo de reelección indefinida de febreiro pasado. Deste xeito, Uribe e Chávez solucionaron un problema político particular, concretado na imposibilidade constitucional de presentarse a outra reelección.

Os obxectivos de Uribe dirixense igualmente cara a oposición e a posibilidade de concretarse candidaturas alternativas, en clara referencia ao ascenso en popularidade do alcalde de Medellín, Sergio Fajardo. Ao mesmo tempo, o rexeite ao referendo na votación no Senado por parte dos opositores Partido Liberal e da esquerda concentrada no Polo Democrático Alternativo, da conta de posibles mobilizacións sociais contra as ambicións de reelección de Uribe, unha vez se acerque a hipotética data do referendo, probablemente prevista para outubro.

De cara ao 2010, a oposición colombiana espera confrontarse a Uribe cos escándalos da pirámide financeira a finais de 2008, as secuelas da “parapolítica” e a presunta espionaxe contra lexisladores, xuíces, políticos e xornalistas, así como dun determinado déficit social nas políticas económicas, todos eles elementos que afectan a imaxe presidencial. Pero o escenario político colombiano pode presenciar aínda  situacións de gran turbulencia nos próximos meses, tendo en conta as peticións de referendos revogatorios contra 17 alcaldes, así como un vital referendo sobre os recursos hidráulicos, estipulados como ben público.

Con referendos en marcha, semella apostarse por unha “democracia participativa e directa”, similar ao modelo impulsado por Chávez en Venezuela desde 1999. Por irónico que pareza, debido aos seus diferentes perfís políticos e ideolóxicos, Uribe traza un camiño similar ao do seu polémico veciño, mentres unha ola reeleccionista pode que se estea espallando por distintos países latinoamericanos.

 

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta