Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Uribe imita a Chávez
Roberto Mansilla (Vieiros, 30/03/2009)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Álvaro Uribe Vélez; clic para aumentar
Uribe (na foto) repite o exemplo do seu veciño venezolano Hugo Chávez de convocar a un referendo de emenda constitucional para a reelección indefinida de cargos públicos. En Venezuela, este referendo celebrouse o pasado 15 de febreiro, gañando Chávez con máis do 54% dos votos.
 
De cara ás eleccións presidenciais de 2010 en Colombia, un aspecto clave parece concentrar as enerxías do presidente Álvaro Uribe Vélez. A convocatoria dun referendo que lle permita modificar a Constitución para presentarse por segunda vez a unha reelección e a un terceiro mandato presidencial será, con total probabilidade, a gran prioridade política de Uribe para os próximos meses.

Estímase que a opción de referendo será aprobada tanto no Congreso como no Senado, o cal permitirá a Uribe sopesar con optimismo o panorama político alén do 2010. A súa popularidade segue rexistrando altos niveis de aceptación, aparentemente sen estar afectado polo escándalo financeiro das “pirámides” bancarias de finais de 2008 e determinados casos relativos á “parapolítica” que salpican ao seu goberno.

Dentro da gobernante plataforma política da “U”, increméntase a necesidade de contar con Uribe como candidato presidencial en 2010, consolidando unha unidade interna que sepulte posibles rivalidades políticas que fragmentarían a coalición de partidos que forman parte do oficialismo “uribista”. Caso contrario do opositor Polo Democrático, desgastado por divisións internas e escándalos de corrupción.

Con este contexto, Uribe repite o exemplo do seu veciño venezolano Hugo Chávez de convocar a un referendo de emenda constitucional para a reelección indefinida de cargos públicos. En Venezuela, este referendo celebrouse o pasado 15 de febreiro, gañando Chávez con máis do 54% dos votos.

Uribe e Chávez preséntanse como os únicos factores insubstituíbles e unificadores das súas respectivas plataformas, elemento que confirma a permanente natureza personalista e, incluso, mesiánica, que ambos encarnan. Non obstante, se ben no seu momento a opinión pública internacional espallou fortes ataques cara Chávez pola súa presunta vontade de manterse indefinidamente no poder, apreciase unha óptica diferente no caso de Uribe. A ausencia mediática de críticas cara Uribe reforzan as súas aspiracións.

A dinámica da reelección, definida no caso venezolano pola vía do referendo popular, parece percorrer o ámbito latinoamericano. O presidente nicaraguano Daniel Ortega anunciou a súa vontade de contar co apoio parlamentario para modificar a Constitución e presentarse a un novo período presidencial no 2011. Paralelamente, o mandatario hondureño Manuel Zelaya, tamén anunciou a convocatoria dun referendo para o próximo mes de xuño que permita convocar a unha asemblea constituínte para reformar a Constitución e poder así presentar a súa candidatura de reelección a finais de 2009.

Dentro do contexto andino, os procesos constituíntes en Bolivia e Ecuador, calcados das experiencias vividas en Venezuela desde 1999, están dando paso a próximas citas electorais presidenciais que confirmarían as posibilidades de reelección e lexitimación presidencial dos seus respectivos mandatarios Evo Morales e Rafael Correa.

Estes casos confirman a tendencia de acometer a reelección presidencial como elemento que permita manter a vixencia de determinados proxectos políticos en América Latina. Só resta considerar se esta fórmula electoral non afondará mecanismos de personalismo político que afecten á consolidación dos sistemas democráticos latinoamericanos.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/03/2009
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta