Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Votos en vez de fusiles
Roberto Mansilla Blanco (Xornal de Galicia, 18/05/2009)

Versión para imprimir

 

Unha saudable e curiosa radiografía política preséntase en diversos países latinoamericanos, determinada polo arribo de ex guerrilleiros ao poder por medios democráticos e non subversivos.

O cambio político cara a democracia experimentado nos últimos dous decenios en América Latina, a organización e mobilización política de diversos colectivos sociais progresistas e o xiro electoral cara a esquerda en diversos países, son factores que permitiron unha paulatina reinserción de diversos líderes ex guerrilleiros na vida civil e política de diversos países latinoamericanos.

Son diversos os casos establecidos e os que poderían vir nos próximos tempos. En Nicaragua, o actual presidente Daniel Ortega, gañador das eleccións de 2006, formou parte da ex guerrilla do Fronte Sandinista para a Liberación Nacional (FSLN), durante os anos da caída da ditadura de Anastasio Somoza, a breve guerra civil e o ascenso do sandinismo ao poder (1979-1990). Se ben desprestixiado por ex compañeiros do FSLN polo seu presunto autoritarismo, Ortega non deixa de constituír un claro exemplo desta reinserción guerrilleira cara a democracia.

Se ben nunca estivo vinculado á guerrilla, ofrecendo un perfil mais tecnócrata, o recen elixido presidente de El Salvador, Mauricio Funes, chegou ao poder da man da ex guerrilla da Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN), movemento que depuxo as armas tralos acordos de paz de 1992. Non obstante, o actual vicepresidente Salvador Sánchez Cerén, si foi combatente do FMLN.

Pero existen posibilidades de que outros ex guerrilleiros ascendan ao poder en Latinoamérica. É o caso de José “Pepe” Mújica, actual ministro de Gandería, Agricultura e Pesca e candidato da Fronte Amplia uruguaia, con gran favoritismo electoral nos comicios presidenciais do próximo 25 de outubro. Mujica foi un dos principais líderes da guerrilla dos Tupamaros durante a ditadura militar nese país sudamericano, a finais da década de 1960.

En Brasil, Dilma Roussef, actual ministra da Secretaría de Goberno, foi a elixida para substituír ao presidente Lula da Silva como candidata do Partido dos Traballadores (PT) para as eleccións presidenciais de 2010. Roussef foi unha das mais coñecidas militantes da Vangarda Armada Revolucionaria Palmares e do Movemento de Liberación Popular (MLP) durante a ditadura militar brasileira (1964-1985). Como Mújica en Uruguai, Roussef padeceu anos de prisión.

Sen alcanzar a presidencia, cumpre observar outros casos de ex guerrilleiros amnistiados, involucrados posteriormente na vida civil e política dos seus respectivos países, incluso confrontándose politicamente. O actual vicepresidente boliviano Álvaro García Linera foi membro do Exército Guerrilleiro Tupac Kataren. Os gobernos dos Kirchner na Arxentina colocaron nos seus respectivos gabinetes a membros da antiga guerrilla dos Montoneros.

En Perú, a figura do primeiro ministro Yehude Simon, con aspiracións presidenciais para as eleccións de 2011, concreta outras expectativas. Se ben non foi guerrilleiro, estivo condenado durante os anos de presidencia de Alberto Fujimori por facer propaganda do grupo guerrilleiro Movemento Tupac Amarú.  

Na Venezuela de Hugo Chávez, Alí Rodríguez e Teodoro Petkoff, líderes da guerrilla venezolana dos anos 1960, están actualmente en bandos opostos. Rodríguez é ministro de Economía e Finanzas, e foi anteriormente ministro de Enerxía e Minas e secretario xeral da OPEP. Pola súa banda, Petkoff, ex ministro de Planificación Económica durante o anterior goberno de Rafael Caldera (1993-1998), está actualmente no bando opositor a Chávez, a través da dirección dun coñecido medio de comunicación venezolano.

Resta por saber se, hipoteticamente, a aparición de procesos de paz, desarme e reinserción permitiría chegar ao poder, pola vía democrática, a militantes doutros movementos guerrilleiros aínda existentes no continente, como son os casos das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) e do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) en México. A reinserción de guerrilleiros na vida política e democrática da conta dunha “revolución silenciosa” en América Latina.

 

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta