20090126 madrid cumio seguridade alimentaria jacques diouf

A seguridade alimentaria

 Jacques Diouf no Cumio de Seguridade Alimentaria de Madrid; clic para aumentar
No cumio de Madrid díxose a pasada semana que os países ricos non poden esquecer agora as súas promesas e ter en conta a seguridade alimentaria á hora de tomar as súas decisións políticas, pero todo indica que as turbulencias e a volatilidade dos mercados financeiros vanse alargar, o cal agravará as perspectivas. [Foto: Jacques Diouf, presidente da FAO, no Cumio de Seguridade Alimentaria de Madrid, o 26 de xaneiro de 2009].
 

O tumulto que viven os mercados financeiros mundiais prexudica aínda máis a seguridade alimentaria global. De conformidade co último informe da FAO, os altos prezos rexistrados dende 2005 ata 2007 elevaron en 75 millóns o número de persoas que padecen desnutrición no mundo, sumando un total de 923 millóns. Agora, ao incremento demográfico e a escaseza de solos cultivables e recursos hídricos, súmanse outros factores máis novidosos como o cambio climático ou o desenvolvemento dos biocombustibles, fenómenos ambos que minan a oferta de alimentos. A crise crediticia fai medrar a incerteza respecto ao comportamento futuro dos mercados de alimentos cunha probable redución de zonas cultivables e da produción.

Ante estas expectativas, cómpre lembrar que no cumio da FAO de xuño pasado, os estados ricos comprometeronse a doar 20.000 millóns de dólares para afrontar este problema, pero, a día de hoxe, soamente foron desembolsados 200 millóns. En escasas semanas atopáronse sumas cen veces maiores para afrontar a crise económica global e tapar os buratos das grandes multinacionais e entidades financeiras ao borde da bancarrota.

Segundo os cálculos da FAO, a produción de alimentos debería duplicarse antes de 2050 para poder alimentar a unha poboación de 9.000 millóns de persoas, o que esixe construír unha nova orde mundial para a agricultura e superar as distorsións derivadas dos subsidios agrícolas, os aranceis aduaneiros e as barreiras técnicas ao comercio, así como a desigual distribución dos recursos para a axuda ao desenvolvemento.

No cumio de Madrid díxose a pasada semana que os países ricos non poden esquecer agora as súas promesas e ter en conta a seguridade alimentaria á hora de tomar as súas decisións políticas, pero todo indica que as turbulencias e a volatilidade dos mercados financeiros vanse alargar, o cal agravará as perspectivas. Poda que os prezos dos alimentos baixaran nos mercados mundiais, pero a moitos países non chegaron esas reducións. Ao contrario, o que está a minguar é o poder adquisitivo das familias de ingresos baixos ou medios, quedando en situación de risco e abocados á mal nutrición polo consumo crecente de alimentos máis baratos e baixos en nutrientes. Vivimos enriba dun volcán.