Afganistán e as súas sombras

Afganistán, paradigma erguido por algúns no seu día como símbolo da disposición occidental ao sacrificio contra a barbarie retrógrada do fanatismo relixioso máis degradante e agresivo, leva camiño de converterse nunha esterqueira. Hamid Karzai segue lucindo a súa elegancia étnica, a OTAN (incluída España) segue exhibindo o que debería ser un impresionante arsenal tecnolóxico e recursos militares a tutiplén, pero tamén segue a cifra imparable de mortos sen aparente final. Pese ás moitas reservas de tantos observadores ás eleccións presidenciais do 20 de agosto, Hamid Karzai continuará á fronte dun novo goberno, máis debilitado aínda co anterior despois do interminable tirapuxa co seu adversario, Abdullah Abdullah, quen acabou por tirar a toalla pola falta de garantías de limpeza nunha hipotética segunda volta. As sombras sobre Karzai, cun apoio interior minguado e coa desconfianza internacional en aumento, aventuran maior inseguridade e penuria para a poboación civil, quen máis padece os avatares dunha guerra na que EEUU e a OTAN levan queimado en oito anos miles de millóns de dólares con miles de vidas humanas e de familias desfeitas, un prezo certamente elevado para acadar unha democracia tan precaria e devaluada.

As denuncias dos últimos meses que involucran a tropas estadounidenses e europeas en operacións secretas de intelixencia ou de prestación de servizos que amosarían un contraditorio papel de colaboración coa insurxencia e cos señores da guerra, ensombrecen igualmente o declarado empeño internacional por afianzar a seguridade no país. O desconcerto aumenta cando as tropas da coalición retíranse de áreas chave que deixan en mans dos talibán, aumentando o escepticismo dunha poboación sumida no máis absoluto desamparo. Ou cando a OTAN contrata e paga xenerosamente ás milicias dos señores da guerra (unhas a favor e outras en contra de Karzai e do “Estado” que representa e noso aliado) para garantir a súa propia seguridade, contribuíndo a consolidar uns exércitos privados caracterizados, entre outros, por sabotear o proceso normalizador e por ubicarse nas antípodas de calquera intención de afortalar un estado democrático e de dereito. Esta conduta errática da OTAN (por non falar da inhibición ante a proliferación indiscriminada da economía do opio), apoiando a milicias integradas por centos de delincuentes, habituais violadores, con total impunidade, dos dereitos básicos dunha poboación civil estupefacta, está convertendo esta intervención nun escenario corrupto e cuns niveis de repugnancia que por si sós deberían xustificar a mobilización social a prol da retirada das tropas estranxeiras que operan no país.

A propósito da caída do muro de Berlín e a desfeita subseguinte do socialismo real, Gorbachov recordaba o papel desempeñado pola invasión de Afganistán no agravamento das tensións internas na antiga URSS. O ex líder soviético pedíalle a Obama que se aplicara o conto e retirara as tropas canto antes. Ogallá acabe facéndolle caso e pronto. E os demais tamén. Quizais así emerxan as únicas solucións posibles, que virán dende dentro.