Arxentina

Arxentina renova hoxe a metade do Congreso Nacional e un terzo do Senado. Os comicios supoñen unha proba decisiva para o proxecto político dos Kirchner. Referendo para o peronismo de centro esquerda no poder e ensaio de cara ás presidenciais de 2011 para os partidos da oposición, o nivel acreditado de respaldo electoral dos actores políticos será o punto de arranque para unha nova fase da política arxentina marcada pola renovación das alianzas, a emerxencia de novas figuras (Julio Cobos, Felipe Solá ou Francisco de Narváez) e a aparición de novos movementos políticos de dubidosa proxección, condicionados moitos deles por tratarse de iniciativas persoais á marxe das estruturas tradicionais. A conta atrás que se inicia este domingo influirá de forma decisiva nos contornos da tensión política que nos agardan nos próximos dous anos.

Os prognósticos avanzan unha marcada redución do apoio ao goberno de Cristina Fernández que encara esta primeira proba electoral despois de dous anos de mandato coa expectativa, practicamente asegurada, da perda da maioría parlamentaria. No seu desgaste influíron as protestas agrícolas de marzo do ano pasado e as súas múltiples consecuencias, en especial, a suma de apoios das capas urbanas nunha alianza de descontentos fronte o fin de ciclo do período da bonanza económica aberto por Néstor Kirchner, como consecuencia do impacto da crise financeira global pero tamén de erros propios. Non obstante, o declino dos Kirchner ten tamén outros referentes.

O afrouxamento do liderado, as dificultades económicas e o deterioro dos indicadores sociais viñeron facendo meladura nun oficialismo onde proliferan as desercións, aventurando outro signo para os novos tempos. Para ben ou para mal, o impacto político dos comicios está asegurado e pode anticipar cambios, quizais de calado suficiente para impedir que Cristina Fernández remate o seu mandato. As miradas céntranse en Néstor Kirchner. Se gaña en Bos Aires haberá osixeno para seguir; se perde, terán que ir recollendo os aparellos.