Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Ás portas dun novo ciclo
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 27/08/2009)

Versión para imprimir

 

O proceso culminado en 2006 e que paulatinamente derivou nunha intensificación das alternancias en favor das esquerdas en dez países de América Latina podería estar chegando ao seu fin. As perspectivas dun xiro cara a dereita nalgúns países onde axiña haberá eleccións xerais (Chile, Uruguai, Brasil...) gozan de certo predicamento, afectando de xeito máis notorio á esquerda máis pragmática, aquela que tratou de impulsar certas reformas pero abdicando das súas proposicións políticas tradicionais e mesmo asumindo explícitos retrocesos nos seus programas. Os próximos meses serán decisivos para calibrar a continuidade das políticas iniciadas caracterizadas pola busca de novos camiños de desenvolvemento e o alivio das intensas contradicións sociais existentes na rexión sen por iso, en termos xerais, alentar grandes reaxustes da política económica nin mudanzas de gran calado no modelo de crecemento. Só en Venezuela, Bolivia e Ecuador tratouse de mudar a estrutura social e económica dos respectivos países a través de reformas radicais.

A prioridade outorgada á estabilidade por moitos gobernos de esquerda de América Latina resultou nun feito político inédito: o establecemento de consensos con sectores da dereita tradicional, alentando un mutuo achegamento a posicións centristas e, nalgún caso, coa conseguinte fragmentación nas esquerdas, circunstancia que agora podería pasar factura. Por outra banda, o tempo transcorrido é ben escaso para que a correlación de forzas rexistre cambios fundamentais. Se as esquerdas gobernan, as dereitas dispoñen de forza suficiente para restrinxir e condicionar a súa marxe de acción, xa sexa no parlamento ou nos gobernos locais, o que obriga, en moitos casos, a procurar pactos que demoran a execución dos plans gobernamentais. Será tempo agora de pormenorizar na valoración desa estratexia por parte do electorado.

A liña divisoria permanece incólume na rexión e as ideas, propostas e rumbos de dereita e esquerda son claramente diferentes e recoñecibles tanto en relación a políticas económicas e sociais como en materia de relacións internacionais. A aposta polas reformas sociais e a intervención do Estado, en diferentes graos, na economía unen as esquerdas moderada e radical. Os procesos electorais que figuran na axenda escenificarán un gran pulso político que influirá no signo dos compromisos, internos e externos, de toda a rexión latinoamericana. 

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/08/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta