Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Corrupción, asasinatos e cintas de video
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 24/05/2009)

Versión para imprimir

 

O vídeo do asasinado Rodrigo Rosenberg converteuse nunha autentica bomba política en Guatemala. A acusación directa e póstuma contra o Presidente da República, a súa dona e o secretario privado da Presidencia, entre outros, provocou un gran impacto en todo o mundo. Internet desempeñou un papel determinante para evitar o ocultamento desta realidade dramática que en Guatemala pode chegar a abalar seriamente a feble institucionalidade do país, sempre pendente dun fío. A gravidade e a complexidade do caso, que afecta a máis vítimas, e a implicación na investigación da Comisión Internacional en contra da Impunidade en Guatemala da ONU poden axudar ao esclarecemento dos feitos. Cabe imaxinar que a firmeza e rotundidade que o finado Rosenberg amosa na filmación estean validadas con datos precisos que acrediten a responsabilidade xudicial dos acusados sen lugar a equívocos. O avogado asasinado, supostamente descubriu o sistema de corrupción e de branqueo de diñeiro de BanRural, unha sociedade bancaria ligada á muller do presidente.

Ademais da extraordinaria liberdade con que actúan os sicarios en Guatemala, compre destacar a situación de debilidade en que se atopa o goberno de Colom fronte a estas acusacións, circunstancia agravada pola súa reacción inadecuada tanto no ton, como na forma e no contido. O esclarecemento é condición sine qua non para recuperar a normalidade, chegando ata o fondo duns feitos no que tampouco cabe descartar a presenza de intereses inconfesados ligados mesmo á dereita máis conservadora do país, seica conxurada para frear os programas sociais do presidente, acusado de social-populismo. A percepción social é de repudio xeralizado, non tanto pola entidade do denunciado, feito lamentablamente común, como polo impactante anuncio previo da propia morte, deixando entrever a presenza de moitas circunstancias extraordinarias arredor desta situación. Conxura ou non, que se faga xustiza é o que importa, evitando novos episodios de impunidade.

 

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta