Europa máis ao Leste

 Benita Ferrero-Waldner; clic para aumentar
Benita Ferrero-Waldner, comisionada da UE de Relacións Externas e Política Europea de Veciñanza, dixo que é "claramente imperativo" para a UE intensificar os esforzos na rexión despois do conflito militar de agosto de 2008 entre Xeorxia e Rusia e da desputa de xaneiro de 2009 entre Ucraína e Rusia.
 

Os ministros de exteriores da UE decidiron esta semana impulsar a que chaman "Asociación co Leste", un ambicioso proxecto para mellorar as relacións coas ex repúblicas soviéticas, tanto de Europa oriental como do Cáucaso, ambas rexións en estado de crise permanente en virtude do pulso estratéxico que enfronta a Occidente con Rusia.

A Comisión Europea propuso en decembro de 2008 un financiamento extraordinario de 350 millóns de euros para fomentar a "estabilidade" en Ucraína, Xeorxia, Acerbaixán, Armenia e Moldova. O checo Schwarzenberg, cuxo país ocupa a presidencia rotatoria da UE, asegurou que a forma de avanzar en relación a estes países é a través de instrumentos de asociación, o fomento de acordos de libre comercio e a creación de plataformas compartidas para xestionar temas de interese común. Pola súa banda, Benita Ferrero-Waldner, comisionada da UE de Relacións Externas e Política Europea de Veciñanza, dixo que é "claramente imperativo" para a UE intensificar os esforzos na rexión despois do conflito militar de agosto de 2008 entre Xeorxia e Rusia e da desputa de xaneiro de 2009 entre Ucraína e Rusia. Mentres, nas últimas semanas, as tensións internas de Xeorxia, país clave na estratexia occidental, ameazan cun novo conflito político cunha oposición medrada despois do fracaso da estratexia de adhesión formal á OTAN que Shaakashvili trata de amortecer ofrecendo un corredor alternativo cara Cabul, unha vez que EEUU e outros membros da OTAN deben abandonar o aeródromo de Manas por decisión do Parlamento de Kirguizistán.

Pendente de resolver aínda os diferendos que enfrontan a Bruxelas e Moscova, a Asociación co Leste presentarase oficialmente en Praga en maio próximo. O gran ausente daquela será o presidente de Bielorrusia Alexander Lukashenko, pero a gran incógnita é a viabilidade política dunha proposta que, obviando a xeografía, trata de conter a influencia rusa, unha hipótese que o Kemlin saboteará de principio a fin. Eludir a Moscova nunca é solución.