20090110 o cairo mahmoud abbas

Israel, Gaza, Hamás e Obama

 Mahmoud Abbas; clic para aumentar
A Israel non lle interesa unha Palestina coa que deba coexistir senón aquela que poida dominar a vontade. Por iso, con Fatah en Cisxordania e Xerusalén oriental as tensións están controladas. Abbas (na foto) acepta con resignación os mandados de Tel Aviv, aínda a sabendas de que esa estratexia conduce ao suicidio ao pobo palestino, unha opción fronte a que se rebelan as intifadas.
 

A liquidación de Hamas pode ser un dos obxectivos claros (pero dificilmente viables) da ofensiva israelí en Gaza, pero non o único. Esta é unha guerra que non se improvisa como consecuencia do lanzamento dunha ducia de mísiles caseiros e de escaso poder destrutivo. Coa incursión realizada en novembro, en plena tregua e causando a morte de varios militantes de Hamás, Tel Aviv soubo provocar aos palestinos para xustificar o ataque das súas forzas militares, das mellores preparadas do mundo, por terra, mar e aire. Xa se sabe, os militantes de Hamás son terroristas; os militares de Israel, tropas dun exército civilizado. Os primeiros non teñen dereito a defenderse fronte a ocupación e a limpeza étnica; os segundos, teñen carta branca para protexer as vidas e facendas dos seus nacionais.

As circunstancias políticas internas, con ese horizonte electoral do 10 de febreiro, tamén pesan na decisión. Laboristas e Kadima poden saír beneficiados coa destrución de Gaza, coa matanza de milleiros de palestinos. Así se escribe a política israelí, pero non sería a primeira vez que esa estratexia fracasara (o masacre de Canan en 1996 non lle valeu ao laborista Shimon Peres para gañar as lexislativas).

Sacarse a espiña do acontecido na guerra con Hizbulá en Líbano en 2006 e recuperar o áurea "invencible" das súas forzas armadas, afirmando a sangue e fogo a súa hexemonía militar na rexión, con mensaxes para Siria, Líbano e Irán, é outra variable a tomar en consideración.

Pero, probablemente, todo canto acontece pode ter tamén un silencioso destinatario, o presidente electo de EEUU, Barack Obama. Os tempos da exclusividade ou mesmo da primacía do uso da forza para resolver problemas políticos parecen ter chegado ao seu fin en Washington, o cal non deixaría a Tel Aviv outro camiño que encarar unha negociación na que debe ceder en materias esenciais, deshabilitando aspectos clave da política desenvolvida nos últimos anos fronte aos palestinos, política caracterizada por unha exacerbación da hostilidade a todos os niveis. Israel reduciu a escombro o malogrado proceso de paz iniciado en Oslo, ferido de morte dende hai tempo, e eleva o listón de calquera negociación que alguén intente promover no inmediato futuro.

Fronte á traxedia que vive o pobo palestino, penalizado con bloqueos, destrución e morte por ter virado as costas á tropa corrupta de Abbas e dar o seu apoio ao mesmo Hamás que os servizos secretos israelís crearon para debilitar a Al Fatah, a hipocresía dos líderes mundiais adquire niveis de escándalo maiúsculo. Nin tan sequera ameazas de sanción contra Israel. A mímica vergoñenta dos chamamentos da comunidade internacional faina directamente responsable de canto acontece dende o momento en que se negou a recoñecer os resultados das eleccións, libres e xustas, celebradas en 2006 e nas que Hamas obtivo, limpamente, un rotundo triunfo.

A Israel non lle interesa unha Palestina coa que deba coexistir senón aquela que poida dominar a vontade. Por iso, con Fatah en Cisxordania e Xerusalén oriental as tensións están controladas. Abbas acepta con resignación os mandados de Tel Aviv, aínda a sabendas de que esa estratexia conduce ao suicidio ao pobo palestino, unha opción fronte a que se rebelan as intifadas.