20090120 washihgton barack obama discurso

Obama e o extravío republicano

O alto nivel de aceptación social da política de Barack Obama foi o denominador común do balance dos seus primeiros meses á fronte da Casa Branca. O éxito desta valoración devén especialmente do claro abandono da liña de pensamento e acción neoconservadora do seu antecesor. Unha tras outra, Obama alentou unha serie de medidas diametralmente opostas ás promovidas pola anterior administración: renuncia ao unilateralismo no terreo diplomático; recoñecemento de que a solución de tantos problemas globais non pode depender soamente de EEUU; renovada importancia da cooperación cos países aliados; intensificación do contacto co mundo islámico; proposta de aliviar as relacións con Cuba; modificación da estratexia antiterrorista, fixando un cronograma para a retirada de Iraq e trasladando o epicentro do problema a Afganistán e Paquistán; orde de pechar Guantánamo, etc, etc. Diríase que non todo é positivo e que as contradicións non son poucas (caso da actitude ante os torturadores e os seus valedores, cuestión dificilmente explicable), pero estas medidas gozaron de boa acollida universal e moitos agardan que sexan o comezo dun novo rumbo na política exterior, con consecuencias tamén no plano interno (eliminación de trabas relixiosas á investigación científica, máis investimento en seguridade social, máis intervención gobernamental, etc.).

Contrasta, non obstante, o alto nivel de aceptación social e o aplauso universal coa incapacidade acreditada para sumar aos republicanos á súa reforma, cando menos nos aspectos relacionados coa dinamización da economía. No Congreso, por exemplo, e pese á gravidade da crise, non conseguiu sumar un só voto ao plan de estimulo por valor de 787.000 millóns de dólares. Nas filas republicanas, o peso dos sectores máis conservadores aínda é determinante, mentres os partidarios dunha orientación máis centrista acumulan forzas para preparar ese asalto que debe poñer rumbo ao despertar xerando políticas mais inclusivas. O futuro dos republicanos é hoxe inseparable do debate sobre o futuro do pensamento ultraconservador, en clara desvantaxe ante unha realidade que transcende uns posicionamentos ideolóxicos de difícil consistencia. Resulta absurda, por exemplo, a oposición a fortalecer a vixilancia e o control financeiro, medida que recomendan a maioría dos expertos e que aconsella o mais común dos sentidos. A opción que hoxe prevalece consiste en resistir e agardar aos resultados reais da nova política de Obama que caso de fracasar estimularía un novo repunte do conservadorismo mais rancio.

O extravío republicano e a súa incapacidade para adaptarse á situación nacional e internacional brinda a Obama unha oportunidade adicional para integrar ese complexo pluralismo que agroma na sociedade estadounidense e que tanto pode observarse nas correntes relixiosas como nas ideas políticas cun papel crecente de diversas minorías. Ese pluralismo, que Obama recoñece mellor, aínda nunha sociedade maioritariamente conservadora esixe reaxustes estratéxicos que fagan causa da tolerancia e imaxinen unha activación da influencia só posible desbotando o inmobilismo. Mentres así non aconteza, Obama seguirá acaparando todos os méritos, tanto na sociedade estadounidense como na comunidade internacional, colectando apoios para a súa política de enérxicas reformas, por riba incluso do agardado polos mais escépticos.