Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Ocaso do Mercosur
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 30/07/2009)

Versión para imprimir

 

A perda de significación e transcendencia do Mercosur na axenda latinoamericana quedou en evidencia no cumio celebrado a semana pasada en Paraguai. O que no seu día foi considerado, gardando as inevitables distancias, un embrión dunha UE á sudamericana, hoxe atravesa un período de desencanto e ata de descrédito imposible xa de disimular e que contrasta coa euforia que concitan outras fórmulas cooperativas que proliferan no continente en diferentes dominios, especialmente no político e na seguridade, entre outros. No encontro de Luque, nin un só dos asuntos da axenda foi resolto. O fin do dobre cobro da Tarifa Externa Común, o Código Aduaneiro Común, o Tribunal de Xustiza do Mercosur, as novas atribucións do Parlamento do Mercosur e o uso de moedas locais no comercio rexional quedaron para unha próxima ocasión. Neste último aspecto houbo algún avance, pero require tantos compromisos concretos adicionais para facelo efectivo que será certamente difícil que se faga realidade.

No político, a crise de Honduras, que sigue enturbando a situación continental ante a canella de difícil saída en que se atopa, motivou a ausencia de Chávez, partidario de convidar a Zelaya ao encontro para evidenciar o apoio explícito e colectivo ao seu goberno, abrindo unha nova fenda con Brasil, que rexeitou a iniciativa. Tampouco saíron adiante as propostas arxentinas de exercer unha maior presión sobre os golpistas. Diferentes perspectivas converxen nunha ambigüidade calculada que semella reinar á espera de acontecementos ou quizais á espera de que estes nunca cheguen a producirse.

O que quedou de proveitoso da reunión foron os contactos bilaterais mantidos por uns e por outros: o acordo entre Lula e Fernando Lugo sobre a remuneración da enerxía xerada pola planta de Itaipú; as conversas entre brasileiros e arxentinos a propósito do comercio bilateral; a compra de enerxía paraguaia polos chilenos... A crise pasa factura ao proxecto na medida en que non alentou coordinación rexional algunha, primando nas respostas as medidas proteccionistas individuais, pero as dificultades de construción do Mercosur veñen de antes e van mais aló da crise e son inseparables do cambio de prioridades en países claves como Brasil, que hoxe aposta mais claramente por un escenario bilateral nas relacións cos seus veciños que lle permita reafirmar o seu liderado rexional.

No Mercosur conviven dez membros, contando os catro fundadores e outros seis mais ou menos asociados. Venezuela é candidata ao ingreso dende hai tres anos, agardando dende 2006 a ratificación por parte dos Congresos de Brasil e Paraguai. A pesar de contar con vinte anos ás súas costas, á vista da falta de avances substanciais no económico e no político diríase que estamos case como no primeiro día pero privados xa da ilusión de entón.

 

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/07/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta