Outro ciclo electoral

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Uruguai, Honduras, Bolivia e Chile apréstanse a abrir un novo ciclo electoral en América Latina, que determinará a evolución política rexional para o período 2009-2012. Outros países como Colombia, Brasil, Nicaragua, Perú, Arxentina e Venezuela, tamén celebrarán decisivos comicios durante este período.

Dos primeiros países citados, só en Uruguai e Bolivia semella garantido o resultado final, curiosamente favorable á esquerda no poder neses países desde o 2004 e 2005, respectivamente. A pesar de conformarse unha coalición de centrodereita que puidera retornar ao poder en Montevideo, Pepe Mújica, candidato do Fronte Amplo, alístase para suceder ao seu predecesor Tabaré Vázquez como próximo presidente uruguaio, na segunda rolda a celebrarse este domingo 29 de novembro. Deste xeito, garántese a continuidade desta plataforma progresista ata o 2014.

Idéntico escenario preséntase ao presidente boliviano Evo Morales nas eleccións do próximo 6 de decembro, que auguran outra contundente vitoria para o Movemento ao Socialismo (MAS) e o proxecto indixenista impulsado desde 2005. Non obstante, a extrema polarización en determinas rexións bolivianas e o pulso secesionista formulado dende os departamentos orientais, conformarán un duro panorama para Morales no período 2010-2015.

Chile celebrará eleccións presidenciais o próximo 13 de decembro, consolidando unha transición democrática iniciada en 1990. Para estes comicios, a dereita conservadora de Sebastián Piñera lidera as enquisas para suceder á presidenta socialista Michelle Bachelet, aínda que as perspectivas deste triunfo poderían materializarse nunha segunda rolda electoral.

Pero o escenario máis delicado e tenso é Honduras, onde as eleccións presidenciais do 29 de novembro están viciadas de ilexitimidade tralo golpe de Estado de xuño pasado contra o presidente Manuel Zelaya e o fracaso das negociacións de diálogo auspiciadas pola OEA, que revelaron un pulso entre EEUU e Brasil.

As expectativas están centradas no escenario post-electoral e nos movementos dos actores involucrados na crise hondureña. Baixo o manto dunha posible e enorme abstención electoral, Zelaya advertiu que descoñecerá ao gañador destes comicios (as enquisas sinalan como vencedor ao centrodereitista Porfirio Lobo). Unha elevada abstención constituiría un punto a favor para Zelaya, aínda que as súas opcións semellan barallarse máis ben fóra de Honduras.

Pola súa banda, o presidente golpista Roberto Michelletti estira as súas cartas, esperando que finalmente o gañador destes comicios sexa finalmente recoñecido como presidente lexítimo hondureño pola comunidade internacional, especialmente se ten o apoio de Washington. Pero observando este proceso marcadamente cargado de vicios e despropósitos, estes comicios semellan ser máis un obstáculo que unha solución.

Coa expectativa sobre o qué sucederá en Honduras, América Latina abre outro ciclo electoral, que pode amosar variables políticas distintas con respecto ao anterior ciclo iniciado en 2006. A ola electoral que levou á esquerda ao poder en varios países a partir de 1998 pode atopar no 2009 unha pausa que invite a dinamizar outros escenarios de definición.