Relevo en Xapón

Xapón entra nunha semana decisiva. Nas eleccións do próximo domingo podería producirse un cambio histórico. Pese a que o recente anuncio da mellora da situación económica favorece aos liberais, nas sondaxes de opinión segue por diante o principal partido da oposición, o Partido Democrático (PD), dobrando as intencións de voto con respecto ao Partido Liberal Democrático (PLD). Un triunfo do PD pode ter implicacións na política nipona, especialmente nas súas relacións exteriores. Yukio Hatoyama, líder do PD, anunciou, por exemplo, que de gañaren suspenderán en xaneiro a participación na misión antiterrorista de reabastecemento que efectúa a Forza Naval de Autodefensa no Océano Indico. A extensión desta misión, prorrogada varias veces, desatou importantes tensións na vida política nipona, mesmo nas fileiras gobernamentais. Esa decisión pode obrigar a repensar as relacións de Tokio con Washington. Por outra banda, cabe agardar unha mellora das relacións sino-niponas. Para o PD, dixo Katsuya Okada, secretario xeral deste partido e asiduo visitante do país veciño, estas relacións son “moi importantes”. Ademais de prometer non visitar o santuario de Yasukuni, onde se rende homenaxe aos máximos criminais da II Guerra Mundial, o PD recoñece que temas delicados como Tíbet ou Xinjiang son asuntos internos de China, que neste semestre converteuse no principal socio económico de Tokio, por diante de EEUU.

O PLD goberna Xapón, a segunda economía do mundo, dende hai máis de medio século, coa única excepción dun período de 10 meses entre 1993 e 1994. Estas eleccións celébranse case catro anos despois das realizadas en setembro de 2005, cando obtivo unha abrumadora vitoria da man do entón popular primeiro ministro Junichiro Koizumi. O actual xefe do goberno, Taro Aso, é o terceiro dende que Koizumi dimitiu en 2006. Fronte a esa crise interminable, coa promesa de desenvolver unha política que poña fin ao “liderado da burocracia”, o PD foi sumando escanos na Dieta ata lograr unha maioría opositora na Cámara alta, e maior poder no eido local, gañando progresivamente varios comicios, incluídos os da asemblea metropolitana de Tokio, consideradas un barómetro para as eleccións da cámara baixa.

De gañar, o PD deberá concentrarse na política interna coa vista posta nas eleccións á cámara alta do próximo ano. O crecemento do 0,9% do PIB xaponés no segundo trimestre e o anuncio dos primeiros signos de recuperación da economía mundial espertan unha relativa confianza para superar a actual crise. Un novo liderado político pode achegar outras fórmulas para consolidar o cambio de rumbo.