Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Sen tempo que perder
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 17/02/2009)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Hugo Chávez no Palacio de Miraflores; clic para aumentar
Despois dunha década á fronte do Palacio de Miraflores Chávez acreditou de novo que conserva unha base político-electoral de gran consistencia e que goza dun gran respaldo popular. [Foto: Hugo Chávez celebra o triunfo do “Si” no Palacio de Miraflores o 15 de febreiro de 2009].
 
Nada máis coñecerse a vitoria na consulta do domingo, o presidente Chávez anunciou a todos a súa intención de candidatarse de novo en 2012. Iso a pesar de que faltan case catro anos para que remate o seu actual mandato. Despois dunha década á fronte do Palacio de Miraflores Chávez acreditou de novo que conserva unha base político-electoral de gran consistencia e que goza dun gran respaldo popular. Apoiándose nel, os próximos anos serán decisivos para seguir introducindo medidas incisivas e de corte estrutural que afonden o seu proxecto bolivariano, agora relexitimado, co obxectivo de facelo irreversible. Non obstante, sen vontade algunha de tender pontes a esa metade da sociedade que ten enfronte, a pugna coa oposición podería agudizarse, se ben esta vivirá aínda horas incertas debendo elixir entre tirar a toalla ou opoñer unha resistencia numantina, cada vez máis consistente en opinión de algúns, pero, polo momento, estéril ao cabo. Nas próximas eleccións lexislativas medirán de novo as forzas e os resultados ofrecerán máis trazos do que cabería agardar desta probable segunda década que agora se inicia. O pulso continúa.

A euforia do resultado non debera levar a Chávez a perder de vista a experiencia doutros proxectos formalmente emancipadores e relativamente recentes que acabaron con máis pena ca gloria. Nunca é tarde para vacinarse contra o dogmatismo nin para sinalar ben as fronteiras dun proceso que debería procurar esa nova síntese pendente entre xustiza, igualdade e liberdade, sen esas presas mesiánicas que todo o poden envelenar. O desequilibrio en calquera das tres variables porá coto seguro á supervivencia do experimento por moito que se pretenda ad eternum.

Esta vitoria de Chávez reafirma igualmente o seu liderado radical nunha rexión na que outros líderes máis moderados e con similar proxección global (como Lula ou Bachelet) preparan xa as súas despedidas, deixándolle a vía expedita para consolidar unha alianza alternativa nunca vista antes en América Latina. Na Habana, este triunfo en Caracas engade unha achega de gran valor en horas difíciles, dando máis folgura e azos para imaxinar os cambios que non dan chegado. Aquí non hai presa.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/02/2009
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta