20090303 madrid dmitry medvedev rodriguez zapatero

Un home de palla

 Dmitry Medvedev e José Luís Rodríguez Zapatero; clic para aumentar
Vímolo pasar por Madrid, onde asinou unha declaración de asociación estratéxica con España e numerosos memorandos en áreas de interese bilateral, zumegando optimismo e satisfacción. Pero sen poder disimular que esa representación de tsar coa que semella sentirse tan a gusto pouco máis é ca un papel prestado. Putin conserva intacto o seu poder e todos saben que nel reside a interlocución esencial para tratar co Kremlin. Formas aparte, claro está. [Foto: Dmitry Medvedev e José Luís Rodríguez Zapatero, en Madrid o 3 de marzo de 2009].
 

Dmitri Medvedev cumpriu un ano á fronte da presidencia rusa. O reparto de papeis co primeiro ministro Putin evidenciou neste período quen detenta o poder efectivo no Kremlin, algo que xa se intuía con anterioridade pero que axiña viuse confirmado pola práctica real. Non hai tándem entre xefe do Estado e do goberno, sinalou Nikolai Petrov, experto do Centro Carnegie en Moscova, nun artigo publicado no diario Nezavisimaya Gazeta cando Medvedev culminaba a súa primeira visita a España. Ámbolos dous, Putin e Medvedev, personifican unha alianza política claramente asimétrica, pero que polo momento non presenta fisuras salientables. Medvedev sería, con seguridade, o gran perdedor en caso de discrepancia.

No ano transcorrido, os intentos de Medvedev por debuxar un espazo propio que se puidera corresponder cunha base de poder real ou que lle permitira afianzala nun prazo de tempo razoable, establecendo un marco onde desenvolver unha política específica e diferenciada da atribuída a Putin, quedaron totalmente frustrados no verán pasado durante o conflito con Xeorxia. Esta nova guerra no Cáucaso, pese á súa brevidade, deixou entrever o protagonismo indiscutible da figura de Putin e a primacía da súa estratexia, baseada na promoción e defensa dos intereses rusos contra vento e marea, un campo onde pode e sabe moverse a pracer e onde contou mesmo con poderosos aliados nas torpezas da administración Bush e da OTAN.

Así, a axenda paralela que intentara alentar o presidente Medvedev promovendo a reforma xudicial, a loita contra a corrupción e a modernización económica, axiña pasou a un segundo plano, recuperando Putin o mando absoluto no devalar diario da política rusa e fixando os seus ritmos e contidos con escasas posibilidades de facerlle sombra algunha. Avalado por unha contundente popularidade a proba de continxencias e coidando de manter sempre o control efectivo da economía real, comezando pola industria do gas e do petróleo así como dos fluxos financeiros, Putin segue a ser a chave que garante os equilibrios entre os principais grupos de influencia e interese da Rusia post-soviética. Sen o aval de Putin, Medvedev, que carece de peso real e ata de simpatía popular autónoma, tería os seus días contados.

Vímolo pasar por Madrid, onde asinou unha declaración de asociación estratéxica con España e numerosos memorandos en áreas de interese bilateral, zumegando optimismo e satisfacción. Pero sen poder disimular que esa representación de tsar coa que semella sentirse tan a gusto pouco máis é ca un papel prestado. Putin conserva intacto o seu poder e todos saben que nel reside a interlocución esencial para tratar co Kremlin. Formas aparte, claro está.