20090402 londres g20 foto grupo

Un mundo a 20

 Foto de Grupo do Cuminio do G-20 en Londres; clic para aumentar
Poucos cuestionarán que o cumio de Londres simbolizou a fin do ultraliberalismo e o inicio dunha política baseada no multilateralismo e o diálogo internacional, outorgando un papel crecente ás economías emerxentes.
 

¿As bases dunha nova orde económica e financeira mundial? A reunión do G20 en Londres foi todo un éxito, a xulgar pola información transmitida polos medios de comunicación, sensibles ante a necesidade de trasladar mensaxes de esperanza a unha cidadanía desconcertada e dubidosamente convencida da operatividade final dos acordos acadados. Non obstante, poucos cuestionarán que o cumio de Londres simbolizou a fin do ultraliberalismo e o inicio dunha política baseada no multilateralismo e o diálogo internacional, outorgando un papel crecente ás economías emerxentes. A consignación de milleiros de millóns de dólares para diferentes programas situaron o FMI como gran gañador da xornada, sen que as teses de europeos (máis regulamentación), estadounidenses (máis medidas de relanzamento) ou chineses e rusos (cuestionamento da preeminencia do dólar) trunfasen de todo. Así, a fervenza de dólares para impulsar o crecemento mundial complementouse coa volta de políticas reguladoras básicas e a atención virada para os fondos especulativos e os paraísos fiscais (cun papel acrecentado para a OCDE). O Consello de Estabilidade Financeira vixiará agora os actores deste sector para evitar que asuman riscos excesivos.

Nin China nin Rusia obtiveron avances en relación ao dólar. Obama deixou en claro que non quere nin falar do asunto e o FMI, moi diplomaticamente, non desbotou o debate de cara ao futuro. Pero este tema, central na orde financeira se pretenden que esta sexa realmente nova, xa non é tabú e dará que falar. Pequín si obtivo o compromiso dunha mellora na representación dos países en vías de desenvolvemento nas dirixencias do FMI e do Banco Mundial: os dereitos de voto (10%) serán transferidos en favor dos países do sur antes de 2011, adiantándose tres anos á data inicial prevista, abrindo a posibilidade de presidencias que non sexan nin europeas nin estadounidenses e con procedementos de elección máis transparentes e democráticos. Non menos sorprendente foi a revalidación do compromiso cos Obxectivos do Milenio (reducir á metade a pobreza no mundo en 2015 e dobrar os fondos destinados á Africa sahariana), se ben deberase agardar a materialización das cifras tantas veces prometidas e as súas condicións. De entrada, unha parte do stock de ouro do FMI venderase para financiar a axuda aos países en vías de desenvolvemento.

Todo o acordado semella "esencial" nos tempos que corren e o risco de verse desfasados polas circunstancias segue presente, habida conta que ninguén sabe a ciencia certa cal é a dimensión da crise. Paradoxalmente, pese á súa gravidade, case ninguén se atreve a pedir responsabilidades aos principais desorganizadores da economía mundial, cuxos excesos, cometidos en total impunidade grazas ao control do dólar, están na base da actual deriva. O mesmo cuestionamento cabe facerse en relación ao FMI, cuxa escasa credibilidade devén da súa responsabilidade na conformación e xestión dun sistema económico en fase crítica por mor do estímulo de políticas de curto prazo e ao servizo dos países máis desenvolvidos. De aquí ao próximo cumio, que será en novembro en Nova York, o propio ritmo da crise determinará a medida da aplicación dos acordos e a intensidade das respectivas ambicións.