Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Coidado coa cooperación militar co Haití
Ánxelo González Vicente (Xornal de Galicia - Mirada Global, 03/02/2010)

Versión para imprimir

 
  O Parlamento de Westminster aprobou en marzo de 2009 a tranferencia das competencias en policía e a xustiza para as autoridades de Belfast. Na foto, o edificio do parlamento norteirlandes.
Jean Bertrand Aristide, exiliado en Sudáfrica, é o candidato que suscita máis apoio entre a poboación do Haití. No entanto, non se lle permite regresar ao seu país e o seu partido, Fanmi Lavalas, está prohibido. 
 
O Haití é o país do mundo con maior densidade de ONGDs. Tantas como na India, dicía hai uns días Jean Lavalasse, fotógrafo e documentalista haitiano, sendo que o Haití é máis de 100 veces máis pequeno que o Estado asiático. Este dato choca, no entanto, co feito de a república caribeña ser o país menos desenvolvido do continente americano: estamos, pois, a falar da precariedade dentro da precariedade.

Estou certo de que o traballo das e dos cooperantes no Haití é, en xeral, excelente. Mais pouco poden facer as mellores das vontades e avances técnicos en cooperación, sempre con recursos moi limitados, contra as políticas internacionais que asfixian un pobo, que lle impiden desenvolver unha economía propia, explotar os seus recursos, mesmo expresarse. No mundo da cooperación xa é ben coñecido que a máxima “todo para o pobo pero sen o pobo” non leva a ningures. A cooperación co Haití só poderá ser eficaz se se deixa que os propios haitianos tomen a iniciativa, tanto a nivel da sociedade civil como das institucións, comezando polo propio presidente da República.

Neste sentido, diversos Estados occidentais teñen un probado historial de intervención e influencia nas institucións políticas centrais haitianas e, ao seu través, nas demais. Intervención con resultados devastadores. Por iso, resulta moi preocupante a exacerbada presenza e control militares, máis propios dunha ocupación do que dunha misión de asistencia humanitaria. Particularmente, no caso dos Estados Unidos, dos que o profesor Vicenç Navarro ten contado 16 intervencións; cabe pensar que de especial transcendencia, na medida en que sostén que a influencia do grande irmán americano ten sido practicamente constante durante a existencia do Estado haitiano.

Infelizmente, os medios de comunicación occidentais teñen caído con extraordinaria facilidade na trampa da estratexia militarista, traballando con intensidade no fornecemento de argumentos lexitimadores de tal vía. Así, o pobo haitiano foinos presentado practicamente como unha masa salvaxe, en parte por desesperación comprensible dadas as circunstancias, en parte, simplemente, por incivilización inherente. Esquecemos (ou todo o contrario?) que o pobo haitiano foi o segundo en romper co xugo imperialista europeo en todo o continente americano, só despois dos propios Estados Unidos que, por certo, tardaron demasiado tempo en recoñecer a independencia dun territorio que interesaba demasiado a parte das súas elites. Esquecemos tamén os relatos en primeira persoa do persoal experimentado no Haití e, en xeral, coñecedor dos contextos propios dos Países do Sur, aos que habemos de atribuír máis peso que o dalgunhas ou dalgúns xornalistas que se viron obrigadas e obrigados a deixaren temporalmente a comodidade dun mundo que pouco ten que ver co que existe no Haití… pero que é o mesmo, por moito que non nos guste.

O Haití sabe e quere organizarse, se lles deixamos. A nós só nos corresponde axudar, desde o absoluto respecto á súa vontade soberana, á súa condición de iguais. Doutro modo, todo esforzo estará condenado a fracasar.

 
 

Ánxelo González Vicente,
vicedirector do IGADI.

Ánxelo González Vicente, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/02/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta