Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Tempus novus para a América hispana
Antonio Martínez Puñal (Xornal de Galicia, 28/07/2010)

Versión para imprimir

 

Comezada a cadea de conmemoracións dos douscentos anos do movemento emancipador das repúblicas pertencentes ao antigo Imperio español, o groso das celebracións producirase neste 2010, particularmente no presente segundo semestre, aínda que quedarán pendentes algunhas para os futuros anos.

Desde diferentes tribunas de natureza política, informativa, académica, etc., obsérvase nos países implicados unha coincidencia con respecto á necesidade do seu debido ensalzamento, ben por medio da inauguración de obras de infraestruturas, centros cívicos adicados ao bicentenario, museos da Memoria e dos dereitos humanos e macroexposicións, ben coa celebración de concertos nacionais simultáneos ou outros acontecementos culturais en xeral ou de corte intelectual e, igualmente, co estímulo da produción editorial.

Parece, con todo, malia o que vimos de dicir, que asistimos, co gallo do Bicentenario nalgúns daqueles países –nomeadamente naqueles máis críticos co sistema capitalista como Bolivia, Ecuador e Venezuela, aínda que obviamente a moita menor escala–, a un certo recuestionamento do sentido imperial e das guerras da independencia. No Bicenternario atopamos por unha banda –aínda que con algunha concesión á critica–, as visións asentadas sobre as teses tradicionais do descubrimento como misión de cristianización e civilización.

Pola outra, estarían as algúns gobernos que, cunha clara conducta revisionista, denuncian os abusos cometidos contra os indíxenas durante a colonia e igualmente despois, de independentes, atopando –en definitiva– no bicentenario un escenario que, baseado nun ideario anticolonialista, unionista, democrático e popular, demanda inequivocamente unha reflexión e balanzo serios sobre o pasado e o porvir latinoamericanos. Un tempo de balanzos perdido para os desagravios deica agora…

No medio destas diferenzas a respecto do Bicentenario, entrecrúzanse sen dúbida na súa programación intereses políticos e económicos da antiga potencia colonial española, así como dos investidores españois. No que atinxe ao papel da antiga metrópole española na efeméride, pregúntome –como cuestión previa– se a presenza, sempre en chave de beneficios económicos, de empresas españolas no financiamento e comisións das celebracións bicentenarias nalgúns dos países hispanoamericanos non podería hipotecar o protagonismo –e mesmo imposibilitar un posicionamento, con petición de desculpas polos abusos cometidos con motivo do Imperio– que poidese corresponderlle a España.

Abusos dos cales o antepenúltimo acto foi protagonizado polo espectáculo do 2007 dun Rei, dixitado franquistamente e despois empaquetado (ao estilo “o lo tomas o lo dejas”), na Constitución do 1978, mandando calar cun exabrupto un presidente de Venezuela, reelixido democraticamente, cun amplo despregue de observadores internacionais, por terceira vez no 2006, cando este pretende intervir ante as palabras de Zapatero defendendo a un Aznar, avalista do golpismo militar, empresarial e eclesiástico venezolano.

Estamos a facer alusión aquí ao recoñecemento prematuro –co que supón de quebra do principio de Dereito Internacional que prohíbe a intervención nos asuntos internos doutro Estado–, efectuado polo entón presidente Aznar nun comunicado conxunto co presidente Bush, en abril do 2002, do pretendido goberno do golpista Carmona (que durou apenas un día), até entón presidente da organización empresarial venezolana Fedecámaras.

Falando de empresarios, deixaremos no aire unha cuestionante preocupación por canto poidese haber de realidade nos comentarios circulados insistentemente en Venezuela a respecto da connivencia de certas empresas españolas co frustrado golpe militar contra Chávez.

 

 
 

Antonio Martínez Puñal,
é membro do Consello Asesor do IGADI

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/07/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta