Venezuela na Rede: as eleccións do 26-S (II)

Internet ten a capacidade de amosar todos os escaparates, todas as oficinas de quen se quera organizado e con presenza de discurso cara o exterior. Por iso, ao apreixar cada corda e tirar dela, atopamos un imaxinario complexo, nada sinxelo, propio dos tempos que nos tocou vivir.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Internet ten a capacidade de amosar todos os escaparates, todas as oficinas de quen se quera organizado e con presenza de discurso cara o exterior. Por iso, ao apreixar cada corda e tirar dela, atopamos un imaxinario complexo, nada sinxelo, propio dos tempos que nos tocou vivir.

Cumpre lembrar que a chegada do Presidente Chávez ao poder en 1998 ven precedida dunha década de mobilizacións populares orixinadas no famoso Caracazo (1989), que acaban por explotar coa vitoria do Polo Patriótico (alianza chavista dirixida poloMovemento V República) derrubando por completo a partidocracia clásica venezolana representada no Pacto do Punto Fijo. Será nesa década onde se cimente o que sucede actualmente en Venezuela e será na organización de bairros e comunidades onde Chávez enraizará a súa hexemonía como líder converxente das masas tradicionalmente desposuídas, non sen esquecer, claro, que o seu carisma e liderado son imprescindibles para comprender o que por alá sucede.

Nese proceso, todos os observadores destacan o papel de vanguarda da Parroquia 23 de enero, tildado pola oposición como a forza paramilitar da revolución, ao convivir no seu seo movementos como a “Piedrita”, a forte presenza de Marea Socialista ou o o Colectivo Alexis Vive. No “23 de Enero” viven máis de 60.000 persoas que durante a década dos 90 conseguiron edificar procesos de autonomía popular que actualmente teñen o seu reflexo legal no proxecto da nova forma do Estado socialista, o Estado comunal, unha das dimensións do proceso venezolano que sairá reforzado ou debilitado segundo sexa o resultado electoral do 26 de setembro. Será no “23 de Enero” onde nazan moitas das expresións culturais da Revolución como o colectivo Hip Hop Revolución, ou a Fronte Artística Patria ou Morte. Serán estes barrios nos entornos urbanos, e o Frente Campesiño Ezequiel Zamora no mundo rural, os que centralizen a estratexia movimentista bolivariana.

A parroquia, ao oeste de Caracas, é o máis popular e visible destes procesos de xeración de poder desde a base, de onde saen moitos dos primeiros lazos dos procesos que tecen o imaxinario chavista. Destacan igualmente outros barrios e comunidades do oeste, comoCatia, con xa 9 anos de televisión comunitaria, onde a organización popular e o proceso revolucionario avanza nunha quinta marcha que trascende a axenda oficial do PSUV, aínda que disciplinadamente, os movementos e os activistas formen parte da militancia do partido común bolivariano. En todos eles, a conquista da comunicación popular, doutra visión para outras informacións, forma eixo troncal das decisóns sobre o qué facer para facer a revolución. Nesta liña da batalla destaca especialmente a Asemblea Nacional de Medios Comunitarios, que distribuídos por todo o territorio nacional opóñense discursivamente aos clásicos medios de comunicación masivos.

Mais se nas bases do proceso revolucionario existen diferentes marchas e fragmentacións varias, a oposición tampouco é un suxeito monolítico, senón que ao longo da última década flutuou nas súas diferentes formas orgánicas e discursivas. Neste sentido é obrigatorio lembrar que a estratexia opositora nas anteriores eleccións lexislativas do 2005 consistiu na renuncia á participación ao abusar do termo ditadura, e ao non considerar lexítimo ao árbitro electoral, o CNE. A vitoria no referendo sobre a reforma constitucional de 2008, avalado de novo por observadores internacionais de cores variadas, reconciliou a oposición co órgano máximo do poder electoral, e dende aquela será máis común ler termos como semidemocracia, ou ditadura electoral, que suavizan aqueles discursos que apuntalaron o golpe de estado e o paro petroleiro de 2002 e 2003, respectivamente.

Desta maneira, a Mesa da Unidade recoñece a oportunidade electoral, mais cun discurso ás veces ambigüo (quizais inevitable, dada a heteroxeneidade da coalición) e unha posición pública de desconfianza absoluta cara os procedementos democráticos da nova República. Nesta liña nace a iniciativa Defiende tu voto, encarregada de fiscalizar desde a oposición o que suceda nas mesas electorais o 26 S.

Máis alá dos medios de comunicación de masas como Globovisión ou RCTV (só dispoñible na Rede e por cable), a propia Mesa da Unidade, ou a diferente prensa e radio tradicional, a oposición venezolana articúlase tamén por medio de ONG´s ou think tanks, destacandoSÚMATE,  CEDICERadar De los Barrios ou Espacio Público, entre outras. Esta situación ven tamén precedida do derrube da partidocracia que, inevitablemente, afectou ao que foran os poderes tradicionais, que foron cedendo ao longo do proceso as cotas centrais do sistema de poder venezolano, polo que os vellos partidos deberon transitar cara novas formas de organización canalizadas por estes organismos da cidadanía, que na maioría das veces reciben financiamento non só dos seus afiliados, senón de terceiros Estados, o que resulta sospeitoso aos ollos da nova República Bolivariana, que os asocia sempre con hipotéticas e futuras desestabilizacións sociais ou mesmo golpes de estado.

Nesta liña desestabilizadora e de desobediencia civil cabe destacar o movemento Ruedaloe a ORVEX (Organización de Venezolanos no Exilio) que, apelando ao dereito á rebelión do artigo 350 da Constitución Bolivariana, defenden unha desautorización activa do poder ao considerar, neste caso sí de maneira contundente, que a vía electoral é unha vía morta para vencer o proceso bolivariano. Entre outras accións, difunden na Rede o programa Aló Resistente.

A Rede en Venezuela ofrécenos así un país fracturado en dous imaxinarios contrapostos que dan a imaxe de vivir en dous países diferentes. O resultado das eleccións lexislativas daranos unha fotografía aproximada do que actualmente sucede ou non sucede no país de Bolívar.