O poder de wikileaks

A filtración a través da web Wikileaks de 400.000 documentos contendo milleiros de actos ilícitos ou delictivos cometidos durante a guerra de Iraq, que o Departamento de Defensa norteamericano mantivo secuestrados até agora, volve poñer de manifesto que a información sempre resulta ser a primeira vítima dunha guerra. Pero nunca soubemos tan minuciosamente como agora as monstrosidades en base ás cales os seus propulsores viñeron actualizando, sofisticando e xeralizando esa estratexia censora. Por caso, tras as correspondentes invasións de Iraq e Afganistán. O acceso a milleiros de informes oficiais permite que descubramos a barbarie no seu máis retorcido efecto destrutor –asasinatos premeditados, execucións, matanzas en ata 27 puntos de control iraquiano, torturas e violacións-. Denuncias moitas delas que acabaron, velaí a complicidade dos mandos aliados, co selo de “non é necesaria ningunha investigación”.

Unha web radicada en Suecia, que utiliza servidores ubicados en Bélxica e decodificadores de vídeos e filmacións localizados en Islandia, os tres países europeos cuxas lexislacións garanten mellor o anonimato das fontes, facilítalles aos cidadáns a información que lles escamotean os gobernos e os exércitos invasores. Despois dos 75.000 folios de xullo sobre as brutalidades afganas, Wikileaks filtra agora, asociada con cinco dos medios escritos máis influíntes do mundo e a través da televisión arabista Al Jazeera, milleiros de documentos sobre as tropelías da policía e do exército iraquiano, sistemáticamente consentidas e ocultadas polas forzas internacionais que invadiron aquel país. Abonda un dato ex novo para cifrar a desmesura en vidas humanas: 109.000 persoas mortas, das que un 63 por cento eran civís, inocentes.

Que é o que singulariza a Wikileaks? Hai centos de vídeos de Iraq e Afganistán en YouTube que tamén amosan ás forzas da coalición participando en actos ilícitos que, sen embargo, non tiveron o impacto internacional das revelacións que vén facendo esa web. A explicación ten a ver co que fai que unha información filtrada a través da rede acade a credibilidade pública que outra con idéntica temática nunca conseguirá. No fondo de todo isto está o debate sobre o papel que hoxendía xogan o xornalismo dixital, por unha banda, e os medios sociais (blogs, Twitter, Facebook, YouTube…), pola outra. Ou sobre o papel da maior parte deste tipo de medios en contraposición cun deles, Wikileaks precisamente.

O que os separa e diferencia é o proceso de revisión polo que debe pasar o material filtrado antes de subilo á web. O verdadeiro poder de Wikileaks non reside tanto na tecnoloxía como na confianza que esa revisión –a dilixencia coa que un grupo de xornalistas profesionais comproba con antelación a veracidade dos documentos– produce nos lectores. Para colmar esa confianza, e convertirse en cuestión de horas no foco do mundo, os xestores da web non dubidan en compartir as filtracións con algúns dos diarios internacionais máis influíntes. O silenzo co que a Casa Branca e o Pentágono recibiron no seu momento os vídeos de YouTube fixérono trizas agora, con ameazas e vinganzas incluídas, ao divulgarse estas filtracións. Por algo será.