A crise coreana e os antagonismos no Nordeste Asiático

Actualmente, intensifícanse as tentativas para fortalecer a colaboración entre Xapón, EEUU e Corea do Sur ante calquera eventual nova crise na península coreana. Entre o pasado 28 de novembro e o 1 de decembro, Seúl e Washington manobraron conxuntamente no Mar Amarelo, a raíz do bombardeo de Corea do Norte contra a illa surcoreana de Yeonpyeong.

Posteriormente, Xapón e EEUU realizaron as súas propias manobras conxuntas entre o 3 e 10 de decembro, nas que, por vez primeira, participou como observador o Exército de Corea do Sur. Nestes exercicios militares participaron 44.000 efectivos dos exércitos xaponés e estadounidense, 60 barcos de guerra e 400 aeroplanos, ademais do portaavións nuclear George Washington e do destrutor equipado co sistema AEGIS para manobrar ante a probabilidade de Corea do Norte lance un proxectil balístico, dando paso a unha renovación do conflito nas illas ao suroeste de Xapón.

O pasado 9 de decembro, o Ministro de Defensa de Xapón, Toshimi Kitazawa, e o xefe do Estado Maior Conxunto de EEUU, Michael Glenn Mullen, dialogaron en Tokio, confirmando que fortalecerían a colaboración entre Xapón, EEUU e Corea do Sur. Mullen dixo que a situación na península coreana supón o comezo dunha difícil etapa, polo cal resultaría imperativo impedir a provocación de Corea do Norte mentres se incrementa a relación mutua cooperativa entre estes países a nivel estratéxico. Mullen tamén dixo que Xapón debería participar nas manobras conxuntas de EEUU e Corea do Sur. A pesar da súa proximidade xeográfica, Tokio e Seúl nunca realizaron manobras militares conxuntas.

Con ocasión do ataque norcoreano ás illas Yeonpyeong, abórdanse diversas interrogantes: pódese afirmar o reforzamento das relacións entre Xapón, EEUU e Corea do Sur?. Como é a relación entre estes tres países e China?. Despois da súa reunión con Mullen, o ministro xaponés de Defensa Kitazawa afirmou que “Xapón e EEUU son países aliados, pero restan aínda por resolver algúns problemas con Corea do Sur. Polo tanto, é importante arranxar esa atmosfera antes de participar en manobras militares”.

Corea do Sur aínda mantén certo resentimento ante as Forzas Armadas de Autodefensa de Xapón (FAAX) pola colonización nipona da península coreana (1910-1945). Seúl considera necesario concertar con Tokio o “Acordo de Adquisición e Servizo Recíproco” (Acquisition and Cros-Servicing Agreement) e o “Acordo de Seguridade Xeral de Información Militar” (Generel Security of Military Information Agreement). Na situación actual é difícil establecer unha inmediata alianza triangular, escenario que, no entanto, podería alcanzarse co paso do tempo.

Con todo, esta colaboración tripartita entre EEUU, Xapón e Corea do Sur provocaría un maior achegamento entre China e Corea do Norte. A implicación de Washington na política asiática non agrada a China, polo que a colaboración entre Xapón, EEUU e Corea do Sur podería causar unha política de bloqueo cara China e Corea do Norte. Beijing está descontento coas manobras de EEUU e Corea do Sur, razón pola que está reforzando a súa vixilancia cara Washington. O ataque norcoreano ás illas Yeonpyeong deu a EEUU unha oportunidade de tomar parte máis activa na política do Nordeste Asiático, unha vez que China xa tomara a iniciativa.

A propósito da relación entre Xapón e China, Tokio anunciou o pasado 9 de decembro un borrador final dos “Principios Fundamentais do Plan de Defensa”, cuxa última revisión data de 2004. Xapón considera que as melloras en defensa de China é un asunto que inquieta a rexión e a sociedade internacional, polo que Tokio debe fortalecer a posición defensiva nas súas illas do sudoeste. Xapón toma moi en serio o feito de que Beijing insista en reivindicar a súa absoluta soberanía sobre as augas adxacentes.

Baixo esta perspectiva, Xapón revisa o principio tradicional de “Poder Defensivo Básico” que redimensiona en todo o seu territorio o labor das súas FAAX mentres promove un novo principio de “Poder Defensivo Dinámico” que pode implicar, chegado o caso, a mobilización militar. Baseándose nesta revisión, Xapón vai introducir un novo modelo de avión de caza, aumentar a 22 o número dos seus submarinos (actualmente posúe 16 submarinos) e reforzar a defensa antimísil, aínda que reducirá os tanques a 400 dos aproximadamente 600 que posúe actualmente. A adopción destes principios decidirase ao longo do actual mes de decembro nun Consello de Ministros. É moi probable por iso que se incrementen as diferenzas entre Xapón e China.

Rusia tamén forma parte desta estrutura de antagonismos. O pasado 6 de decembro, un avión ruso cruzou o Mar de Xapón, centro das manobras militares de Tokio e Washington, polo que as FAAX e o exército estadounidense decidiron suspender os exercicios que implicaban o uso do AEGIS. Diversas fontes estiman que esta obstrución expresaría unha medida de oposición á inspección aérea promovida o pasado 4 de decembro por parte do Ministro de Asuntos Exteriores de Xapón, Seiji Maehara, no Territorio do Norte. A relación entre Xapón e Rusia empeorou desde este verán por mor das controversias territoriais.

Estes antagonismos irán a máis na medida en que perdure a crise na península coreana. Nese marco, os países veciños esperan dispor da ocasión para promover iniciativas e alentar as súas potencialidades no delicado xadrez xeopolítico de Asia Oriental.