Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A “alternativa Mockus” polariza a Colombia
Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 29/04/2010)

Versión para imprimir

 

De cara aos comicios presidenciais colombianos previstos para o próximo 30 de maio, xorde no escenario político unha candidatura alternativa ao ata agora hexemónico poder do “uribismo”, deseñada en torno á alianza progresista do Partido Verde liderada polo alcalde bogotano Antanas Mockus coa alianza do independente de esquerda, o alcalde de Medellín Sergio Fajardo.

A última gran sondaxe a nivel estatal realizada pola empresa Ipsos revela síntomas comprometidos para o oficialismo, provocando irritación e nerviosismo no presidente Álvaro Uribe Vélez de cara a consolidar a candidatura do seu “delfín”, o ex ministro de Defensa, Juan Manuel Santos, así como a continuidade do polémico proxecto político da “seguridade democrática”.

Nesta conxuntura de intención de voto, Santos segue a liderar as enquisas cun 30%, mentres Mockus avanza aceleradamente cun 20%, deixando á candidata do Partido Conservador, Noemí Sanín, cun 12%. Así, diversas sondaxes e análises políticos especulan coa elevada posibilidade de celebrar unha segunda volta electoral, prevista para o próximo 20 de xuño, hipoteticamente entre Santos e Mockus.

A “revolución verde”

A qué se debe o repentino impulso de Mockus nas enquisas? É realmente posible albiscar unha derrota do “uribismo” nas próximas eleccións? Se ben a popularidade de Uribe segue a ser sólida, obsérvanse síntomas sociais de esgotamento co seu legado político, en especial ante o excesivo énfase outorgado á seguridade.

Por outra banda, e aínda que a candidatura de Santos proxéctase baixo o verniz da seriedade e da solidez, a mesma non termina de consolidarse no panorama electoral. Na opinión pública colombiana especúlase con que Uribe será o “poder na sombra” ante unha hipotética presidencia de Santos.

Dentro doutra perspectiva, Mockus consérvase como un dos políticos máis carismáticos, populares e con maior traxectoria nos últimos anos dentro da escena política colombiana, afianzando as súas opcións electorais cunha efectiva xestión en Bogotá, eloxiada incluso polo propio Uribe en materia de diminución de índices delictivos.

Paralelamente, a intelixente e estratéxica renuncia de Fajardo á súa candidatura en favor de Mockus, para conformar unha plataforma progresista, humanista e ecolóxica, permite ao Partido Verde ocupar un importante espazo no espectro político colombiano a través de dúas bazas electorais: por unha banda, alzarse como o máis eficaz contrincante do uribismo; e, paralelamente, consolidarse como unha alternativa dende a esquerda, desprazando o espazo ata agora nas mans dun case desaparecido Polo Democrático. Resta observar a posibilidade dun traspase de votos dentro da esquerda a favor da fórmula Mockus-Fajardo.

O final dunha era?

Con todo, Uribe calcula as consecuencias persoais e para o seu movemento político, o Partido da U, emanadas dunha eventual derrota electoral de Santos e o fortalecemento dunha opción progresista radicalmente contraria a súa política.

Así, imponse para Uribe as secuelas da “parapolítica” (un 30% dos parlamentarios uribistas investigados por corrupción e conexión cos paramilitares), así como das violacións de dereitos humanos baixo o paraugas da “seguridade democrática”, con execucións extraxudiciais incluídas.  Igualmente, os subornos a parlamentarios e xuíces para asegurarse unha finamente infrutuosa posibilidade de reelección, son factores de peso para un Uribe atenazado ante a perspectiva de ver rematado o seu legado cunha derrota electoral.

Non se debe esquecer que as demandas de violacións de dereitos humanos poden colocar a Uribe nunha delicada posición unha vez deixe a presidencia, suxeito a un posible xuízo na súa contra. Compre así considerar que o mandatario colombiano non debe menosprezar a posibilidade de repetirse o exemplo do ex presidente peruano Alberto Fujimori en Perú, condenado a 25 anos de cárcere polas violacións aos dereitos humanos.

Uribe tentará evitar a toda costa os escenarios fatídicos, implicándose directamente na campaña electoral de Santos. Pero ninguén asegura que a continuidade do seu legado sexa suficiente para frear o ascenso electoral da alternativa “verde” de Mockus.

Pode que así Colombia estea preparándose para un inédito cambio político con importantes consecuencias no contexto rexional, en especial ante as polarizadas relacións con veciños como Venezuela e Ecuador, así como de cara a aliados estratéxicos en materia de seguridade como EEUU, desexoso de acelerar a construción de sete bases militares en territorio colombiano.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/04/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta