Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
As Bolivias de Evo Morales
Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 08/04/2010)

Versión para imprimir

 

Diversas lecturas se derivan das eleccións rexionais e municipais levadas a cabo en Bolivia o pasado 4 de abril. Basicamente, estes comicios reafirmaron a hexemonía política do presidente Evo Morales e do gobernante Movemento ao Socialismo (MAS), á vez que se consolida a fragmentación política e territorial boliviana ante a vitoria opositora nos departamentos orientais de Santa Cruz, Beni e Tarija.

A falta de concretarse a votación final no departamento oriental de Pando, tradicional bastión da oposición, o MAS obtivo 5 das 10 gobernacións e tres das principais alcaldías (Cochabamba, El Alto e Cobija), un resultado visiblemente inferior aos obxectivos formulados polo presidente Morales de alcanzar a vitoria en sete gobernacións e a maioría das alcaldías.

Caso contrario, e a diferencia da reelección do prefecto Rubén Costas en Santa Cruz, as ganancias electorais da oposición nos departamentos da “media lúa” oriental concretaronse en resultados sumamente curtos e axustados con respecto á plataforma MAS-IPSP. Neste sentido, Evo logrou debilitar considerablemente a fortaleza dos prefectos opositores da “media lúa”.

Dende calquera perspectiva, resulta evidente a consolidación do MAS como o principal partido nacional, o cal impulsa a mobilización do proxecto indixenista e socialista de Evo. Un feito significativo deste proxecto de cambio foi a posibilidade de que os pobos indíxenas bolivianos elixiran aos seus representantes ante os departamentos e alcaldías nestes comicios rexionais e municipais.

Deste modo, o oficialismo gobernará nos departamentos occidentais, que inclúen á capital La Paz, Cochabamba, Oruro e Potosí, así como no tradicionalmente opositor Chuquisaca. Paralelamente, o MAS sumou a súa sétima vitoria consecutiva desde 2005, con índices electorais superiores ao 50-60%, un dato histórico remarcado polo presidente boliviano tras coñecerse os primeiros resultados.

No obstante, e se ben o MAS segue a ser a principal forza política, algúns escenarios electorais específicos confirman unha posible fisura na plataforma electoral do MAS-IPSP que levou a Evo ao poder en 2005.

O caso máis representativo foi a reelección, na alcaldía capitalina do Movemento Sen Medo (MSM), partido que recentemente rachou a súa alianza co MAS. En consecuencia, semellan concretarse alternativas políticas e electorais ao MAS dende o espectro da esquerda boliviana. Outra derrota “simbólica” para Evo foi o triunfo da oposición na capital “constitucional” boliviana de Sucre.

Noutras localidades, os resultados ilustraron unha aguda atomización política nalgunhas das principais cidades bolivianas. Xunto á mencionada vitoria do MSM na capital, en seis das 10 principais cidades bolivianas (Oruro, Potosí, Santa Cruz, Sucre, Tarija e Trinidad) triunfaron diversos partidos e movementos cívicos de oposición, con complexas alianzas electorais que posiblemente dificultarán unha estable gobernabilidade, a tenor dos futuros pactos políticos en curso.

Polo tanto, aínda que con cambios específicos, o mapa “xeopolítico” boliviano segue a confirmar as fendas entre un Oeste controlado polo MAS, e o Leste máis orientado cara o bloque de prefectos opositores. Unha división que tamén se manifesta na perspectiva social, cunha Bolivia rural e indixenista partidaria de Evo e outro país, máis urbanizado e economicamente de clases medias e altas, basicamente controlado por liderados opositores.

Resta observar se estas Bolivias proseguirán a súa dinámica de confrontación durante o período presidencial 2010-2015 ou ben se estes resultados presaxian novas alternativas e pactos de gobernabilidade. En todo caso, ninguén dubida que Evo Morales marca decididamente o pulso político boliviano.
 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/04/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta