As rupturas turcas

Como “terrorismo de Estado inhumano” cualificou o primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan a mortal acción militar israelí contra a embarcación civil “Flotilla da Liberdade”, enviada dende Turquía con axuda humanitaria para Gaza. Erdogan advertiu igualmente a Israel con “afrontar as consecuencias”.

A repercusión política destas declaracións traduce cambios significativos para a xeopolítica de Oriente Próximo, en particular ante a evidencia da peor crise bilateral entre dous aliados estratéxicos como Turquía e Israel, tensión anteriormente iniciada durante o operación militar israelí contra Gaza en 2008-2009.

Esta perspectiva de ruptura de facto nas relacións entre Ankara e Tel Aviv, incrementadas pola cada vez maior falta de confianza rexional cara Israel, amplíase co inédito distanciamento existente desde mediados de 2009 entre o presidente estadounidense Barack Obama e o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu. 

Independentemente da crise manifestada polo ataque israelí á embarcación humanitaria turca, e observando os recentes acontecementos rexionais, o panorama actual define un novo rol para Turquía dentro do escenario global, en particular ante as demandas de cambio presentadas por “potencias emerxentes” como Brasil, India ou China. Un radical cambio dentro da tradicional orientación pro-occidental do péndulo xeopolítico turco

De socio a detractor

Desde a chegada de Erdogan ao poder en 2002, ratificado electoralmente e consolidado politicamente o seu partido islamita AKP como unha alternativa ao tradicional establishment secular e militar, a diplomacia turca ven manifestando unha posición cada vez máis autónoma e de carácter global, implicándose en escenarios anteriormente inéditos como África e América Latina á hora de constituírse nun relevante socio comercial e político.

Baixo unha perspectiva diplomática, Ankara ven implicándose eficazmente na política de Oriente Próximo como avaliador de negociacións de paz, en particular para avaliar a lexitimación rexional do Estado israelí. Desde 2004, Ankara propiciou secretamente o achegamento entre inimigos históricos como Siria e Israel, tanto como constituíu un actor importante na estabilidade libanesa trala breve guerra de 2006 entre Israel e o movemento islamita Hizbulah.  

Pero as críticas de Erdogan trala agresión militar israelí en Gaza, o cada vez maior aumento de popularidade á causa palestina dentro da sociedade turca e a crise actual polo ataque á embarcación humanitaria definen un posible punto de difícil retorno ao status quo anterior nas relacións entre Ankara e Tel Aviv, en particular abrindo paso a un maior illamento israelí.

A actual crise e a presumible actitude turca de liderar e intensificar a condena mundial contra Israel servirá igualmente para medir ata qué punto Turquía avanza con certeza cara a súa potencialidade como “potencia emerxente”.

Esta condición foi recentemente adquirida por Ankara tralo acordo nuclear con Irán e Brasil, orientado a reducir a política de sancións que Washington tentará aplicar dentro do Consello de Seguridade da ONU contra o país persa nas próximas semanas. Turquía está actualmente incluído no grupo non permanente do Consello de Seguridade, onde tentará evitar calquera iniciativa contra Irán e intensificar as negociacións diplomáticas entre Teherán e a ONU, baixo o paraugas turco-brasileiro.

Este pacto nuclear e a aínda incerta consolidación dun eixe Ankara-Brasilia-Teherán ampliou tamén unha perspectiva crítica nas relacións entre Turquía e EEUU, abrindo paso a unha delicada conxuntura bilateral que pode afectar sensiblemente a súa tradicional alianza militar, incluso no marco da OTAN. Un escenario similar ao existente nas relacións turco-europeas, determinadas polos constantes obstáculos dende Bruxelas para acelerar as negociacións de admisión turca á UE, actualmente paralizadas e mediatizadas pola negativa francesa e alemana.

Deste modo, a tradicional e case incuestionable orientación pro-occidental de Turquía comeza a observar unha serie de fisuras determinadas pola opción de Ankara de abrir novas alternativas cara países como Brasil, China, Rusia e Irán, coa pretensión de variar as regras de xogo da política mundial e equilibrar a balanza de poder global.

Así, a brutal agresión israelí á embarcación civil de axuda humanitaria confirmará se Turquía consolídase nesa posición de “potencia emerxente”, definindo un inédito cambio de orientación, incluso de carácter rupturista, nas súas respectivas alianzas con EEUU e Israel. Un escenario probable, aínda que tamén determinado polas mutuas e elevadas prioridades entre estes países, propias da realpolitik.