As voltas de Ucraína

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

A marea de transicións experimentadas por Ucraína nos últimos anos pode dar un novo xiro o próximo domingo 17, coa celebración de eleccións presidenciais que dirimirán, ao menos hipoteticamente, unha nova orientación xeopolítica.

Sen o impacto mediático acaecido tralos anteriores comicios de 2004, estas eleccións moi probablemente certificarán a ruptura da variopinta plataforma política que impulsou a denominada “revolución laranxa” de 2004, elevando nese momento a Viktor Yushenko á presidencia. O escenario 2010 é absolutamente distinto debido a que o panorama escenifica, en primeiro termo, o “divorcio” político das dúas principais figuras desa “revolución”: o propio Yushenko e a primeira ministra Iulia Timoshenko.

En segundo lugar, e tendo en conta a actual composición da Rada ou Parlamento tralas eleccións de 2007, o principal partido político ucraíno é o Partido das Rexións, liderado por Viktor Yanúkovich, defensor dos dereitos da comunidade rusofalante en Ucraína e, basicamente, considerado o peón ruso en Ucraína. Yanúkovich foi o rival electoral de Yushenko en 2004, sendo nese momento acusado dende Occidente de perpetrar un fraude electoral co aval do entón presidente Leonid Kuchma e do Kremlin.

Non obstante, a ineficacia de Yushenko para superar as rivalidades políticas, así como as ambicións de Timoshenko, dinamitaron a coalición gobernamental fortalecendo, ao mesmo tempo, as opcións de Yanúkovich de alcanzar a presidencia. Aínda así, o panorama matiza diversos escenarios post-electorais, principalmente configurados en torno á posición bisagra encarnada en Timoshenko, quen habilmente achegouse a Moscova, principal surtidor enerxético ucraíno.

En xaneiro de 2008, Timoshenko asinou un convenio co seu homólogo primeiro ministro ruso Vladimir Putin para asegurar prezos estables de subministro de gas a Ucraína para os próximos anos. Con claras perspectivas electorais, Timoshenko semella estar converténdose no peón de Moscova para manter a súa influencia en Ucraína, incluso debilitando así as opcións de Yanukovich.

Como o factor ruso é esencial para explicar o contexto político ucraíno, Yushenko tentou igualmente achegarse a Moscova, con menos éxito que a súa primeira ministra. Os medios rusos e ucraínos dan conta dun presunto aval de Timoshenko para vender a empresas rusas o parque industrial do aceiro ucraíno situado na estratéxica rexión de Donbask, o cal fortalecería, hipoteticamente, a súa posición política.

As expectativas sobre a evolución do voto entre Yanukovich, Yushenko e Timoshenko (con posibilidade de sorpresas electorais de última hora), así como a necesidade de agardar aos posteriores pactos políticos, son factores que evidencian porqué estas eleccións presidenciais configurarán unha volta de rosca xeopolítica para Ucraína.

Tras cinco anos de “revolución laranxa” pro-occidental e antirrusa, lastradas pola ineficacia á hora de manter a estabilidade política, o combate á corrupción e a fortaleza institucional, o próximo goberno en Kiev, irremediablemente, abrirá unha nova xanela para a relación co seu veciño ruso, cunha notoria menor dose de confrontación.

Así, evidenciaríase o fracaso da revolución dun Yushenko progresivamente orfo de apoios concretos no escenario internacional, tomando en consideración que o seu irrestrito aliado George W. Bush xa non está na Casa Branca. Este contexto debe igualmente ser medido por outros liderados pro-occidentais dentro do espazo ex soviético, como é o caso do presidente xeorxiano Mikhail Saakashvilli, en especial ante o reacomodo das relacións ruso-estadounidenses con Barack Obama en Washington.

Esta posibilidade leva directamente a considerar cal será a reacción en Occidente ante os resultados electorais, habida que Ucraína é considerado como un peón estratéxico para conter o presumible retorno ruso e, igualmente, para consolidar a rede de subministro enerxético dende o Mar Caspio.

A paralización das negociacións do ingreso ucraíno na OTAN e na UE, así como o achegamento de posicións entre EEUU, a UE e Rusia, explican este aparente distanciamento occidental a respecto das próximas eleccións ucraínas. Un factor que debe ser obxecto de consideración dentro do novo contexto xeopolítico no espazo euroasiático.