Baixo o signo de Néstor K

Dificilmente, a política arxentina logrará superar a curto prazo o repentino impasse que supón a morte do ex presidente Néstor Kirchner, afectado por problemas cardíacos varias veces anunciados ao longo deste ano. Un escenario político complexo, xa que Arxentina se aprestará en 2011 a unhas eleccións presidenciais decisivas para o futuro político tanto do falecido ex presidente Néstor como da súa esposa e actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Dificilmente, a política arxentina logrará superar a curto prazo o repentino impasse que supón a morte do ex presidente Néstor Kirchner, afectado por problemas cardíacos varias veces anunciados ao longo deste ano. Un escenario político complexo, xa que Arxentina se aprestará en 2011 a unhas eleccións presidenciais decisivas para o futuro político tanto do falecido ex presidente Néstor como da súa esposa e actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner.

En primeiro lugar, Néstor K identificaba o período de maior estabilidade política rexistrado na última década na Arxentina, en especial tralos duros embates da crise económica provocada polo “corralito” en 2001 e a sucesión temporal de presidentes dentro dun escenario político altamente atomizado e socialmente polarizado.

A etapa presidencial de Néstor K (2003-2007) permitiu afianzar os resortes dunha necesaria estabilidade política e institucional que, en materia económica, deu paso tamén a un período de crecemento e relativa bonanza. O seu impulso aos xuízos por crimes de lesa humanidade reabriu o escuro pasado da ditadura militar (1976-1983) mentres a súa activa diplomacia permitiu afianzar unha relación estratéxica con Brasil, enmarcada dentro dos cambios políticos que acontecían en América do Sur.

Todos estes aspectos reforzaron a imaxe e habilidade política de Néstor K, un político practicamente descoñecido a nivel nacional pero fortemente acicalado durante os seus anos como gobernador da súa natal provincia de Santa Cruz, entre 1991 e 2003. Pese a súa controvertida figura e a que diversos sectores políticos e da opinión pública arxentina acusaron un talante autoritario e notorios casos de corrupción dentro do seu entorno, existe unha tácita aceptación pública ao considerar que o período presidencial de Néstor K recuperou a estabilidade política e unha notable sensación de confianza a nivel nacional.

Este peso político de Néstor K foi basicamente traspasado a súa muller e actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner, cando esta gañou as eleccións de 2007. Con resultados ambiguos, o matrimonio Kirchner moderou esta estabilidade política ao mesmo tempo que afrontaba fortes enfrontamentos sociais, como o que sucedeu cos sectores rurais entre 2008 e 2009 e ao longo de 2010 cos principais medios de comunicación arxentinos.

Paralelamente, a atomización e polarización do escenario político arxentino tamén foi habilmente manexado por Néstor K, quen dentro do amplo espectro que supón o “peronismo” practicamente logrou articular un espazo propicio para o “kirchnerismo”, erixíndose como o verdadeiro moderador de diversas forzas políticas, moitas delas irreconciliables entre si.

Se dentro do escenario arxentino Néstor K afirmábase practicamente como o principal árbitro político, a nivel internacional a súa posición afianzouse co seu recente nomeamento como presidente da Unión de Nacións do Sur (UNASUR). Polo tanto, e dende calquera perspectiva, os obxectivos do matrimonio Kirchner semellaban anunciar a reaparición presidencial de Néstor K como candidato dunha plataforma de forzas de centro e esquerda para os comicios de 2011. Un escenario que, co seu falecemento, queda obviamente descartado, abrindo agora unha etapa de incerteza e complexidade.

 Resulta pouco claro que, a curto prazo e ante o estupor e conmoción nacional que supón a desaparición física de Néstor K, a oposición política aos Kirchner tente rendabilizar inmediatamente o seu baleiro político con claros fins electorais. Pero a presión da oposición seguramente se incrementará ao longo de 2011, dentro dunha perspectiva netamente electoral.

Este escenario coloca inmediatamente nunha encrucillada política e persoal á actual presidenta Cristina K, obviamente afectada pola morte do seu esposo tanto como politicamente golpeada por quen ben puidera cualificarse como o seu principal mentor e apoio político.

En clave política e electoral de cara a 2011, o “kirchnerismo” consolidado dentro do amplo espectro peronista e da esquerda arxentina afrontará un duro test sen o seu máximo artífice político. Pode que este escenario incremente as perspectivas de Cristina K para presentarse á reelección, decisión que deberá ser minuciosamente medida dentro dos labirínticos camiños emanados da aceptación pública e dos variables apoios políticos.

Con todo, ninguén dubida que a política arxentina desta década estivo marcadamente determinada polo signo de Néstor K, un aspecto que incrementa aínda máis a importancia política da súa desaparición física.