Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Chávez encara á economía nun ano electoral
Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 28/01/2010)

Versión para imprimir

 

Draconianas medidas de axuste financeiro, impulso ás nacionalizacións económicas, descontento popular ante o racionamento de servizos básicos, imparable inseguridade cidadá (case 15.000 asasinatos no 2009); e peche temporal de medios de comunicación, como é o caso de RCTV Internacional. O 2010 comezou con fortes turbulencias para Venezuela, nun contexto enmarcado noutro ano de carácter electoral, ante a celebración a finais de setembro, dos comicios lexislativos para renovar a Asemblea Nacional por outros cinco anos.

Confirmado o panorama de recesión económica (estímase un crecemento de -0,4% do PIB no 2009), alta inflación (25%) e caída na balanza comercial e nos investimentos nacionais e foráneos, o goberno de Hugo Chávez veuse na obriga de reforzar o control de cambios cunha depreciación do 50% da moeda venezolana, o Bolívar Forte (BF), e a activación dun tipo de cambio dual (2,15 e 4,30 BF por dólar)

Non obstante, esta depreciación potenciaría maiores recursos financeiros para o gasto público estatal, calculados en US$100.000 millóns, especialmente sensibles en materia social nun ano electoral pero que, paralelamente, pode complicar aínda máis un panorama económico que prevé un 2010 de recesión con elevada inflación.

Deste modo, a economía está configurándose como un campo de batalla importante para Chávez e o seu proceso bolivariano. A vaga de nacionalizacións de empresas privadas, tales como a rede de supermercados Éxito (de capital mixto franco-colombiano) e no sector financeiro, con intervencións estatais en once entidades bancarias desde outubro de 2009; os casos de racionamento eléctrico ante o déficit; así como a recente suspensión temporal do sinal por cable de RCTV Internacional, son factores que estarían aumentando un descontento social pernicioso para Chávez de cara aos próximos comicios lexislativos.

Por contra, Chávez aínda aparece consolidado politicamente ante os embates da súa oposición, fragmentada nunha serie de liderados e partidos que tenta regresar con forza na Asemblea Nacional. Tras o boicot da oposición no 2005, aducindo presunta falta de garantías electorais, a Asemblea Nacional pasou absolutamente a control do chavismo, fragmentándose a partir de 2007 por parte de pequenos partidos (PODEMOS, PPT), ante a configuración do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV)

Se ben as enquisas amosan un desgaste na popularidade de Chávez, incluso nos sectores populares incómodos ante a carestía de alimentos e os breves racionamentos de servizos básicos, existen poucas expectativas de que o chavismo perda as eleccións para a Asemblea Nacional.

Un escenario probable estaría nunha composición 60-40% a favor do PSUV, o cal se ben consolidaría a hexemonía lexislativa chavista, pode complicar a dinámica parlamentaria no período 2010-2015. O posible regreso da oposición á Asemblea Nacional comportaría igualmente un escenario complexo para Chávez de cara ás eleccións presidenciais de 2012, especialmente ante as súas pretensións reeleccionistas.

Mentres as nacionalizacións avanzan, incluso con ameazas manu militari, Chávez deberá igualmente sortear os efectos que terá a depreciación cambiaria de cara aos beneficios de empresas estranxeiras, como son os casos das españolas Telefónica e Mapfre, pendentes de repatriar millonarios beneficios monetarios.

En clave electoral, a oposición afondará nas críticas contra Chávez, tomando como baluartes políticos as sombrías perspectivas económicas venezolanas para 2010, os efectos “electoralistas” da depreciación cambiaria, a ineficacia gobernamental en paliar o problema da inseguridade cidadá, e o reforzamento de sancións e controis contra os medios de comunicación considerados “críticos”.

A enquisadora Hinterlaces destacou recentemente que un 65% dos venezolanos desexaría que Chávez traspase o poder no 2012 “a un novo liderado”. Certo ou non, e tras máis dunha década con Chávez no poder, a demanda de alternativas poden incrementarse na medida en que arrece a crise económica.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta