Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
De Uribe a Santos
Roberto Mansilla Blanco (igadi.gal, 05/08/2010)

Versión para imprimir

 

O próximo 7 de agosto rematará oficialmente a “era Uribe” en Colombia coa asunción do seu sucesor Juan Manuel Santos na presidencia do Pazo de Nariño, salpicado cunha crise diplomática en curso coa veciña Venezuela. Tras case unha década de “uribismo” perfilado na controvertida política de “seguridade democrática”, resta observar se este legado sobrevivirá politicamente e se someterá ao inevitable xuízo da historia.

A grandes resgos, o “uribismo” quebrou o tradicional bipartidismo colombiano así como a forma de facer política nunha sociedade fortemente conservadora e oligárquica. Combinou unha xestión tan efectiva como controvertida, revestida dun inédito mesianismo popularizado a través dun liderado carismático. En poucas palabras, Uribe representou unha opción de “populismo á dereita” dentro dun contexto rexional manifestado polo retorno dos populismos de esquerda.

Colombia baixo Uribe debateuse entre dous polos tan necesarios como diametralmente opostos: apostar entre a seguridade e a liberdade. Con este prisma, Uribe apostou claramente polo primeiro afectando seriamente o segundo. Rompendo o mito de invencibilidade militar das FARC e asegurando os parámetros dunha polémica “seguridade democrática”, o seu goberno tamén diluíse en escándalos como a “parapolítica” e a corrupción do seu entorno.

Afirmando unha alternativa de “democracia participativa” lexitimada coa creación dos “consellos comunais” (curiosamente, unha repetición do modelo impulsado polo seu incomodo veciño Hugo Chávez), o “uribismo” abusou dun poder case ilimitado que desdeñou a actividade da disidencia e dos partidos políticos. A pesar diso, a decisión do Tribunal Constitucional de evitar a súa terceira reelección dignificou o estado da democracia colombiana tanto como confirmou un chisco da fortaleza institucional e da necesaria división de poderes do Estado.

Xuízos aparte, a Colombia que deixa Uribe é considerablemente diferente da que asumiu ao chegar á presidencia en 2002. Sen acabar coa violencia, a sensación de derrota militar das FARC dilúese nun incerto futuro político. Afianzando a seguridade, a economía colombiana rexistrou notables niveis de estabilidade, aínda que os índices de pobreza e desigualdade suporán un legado difícil para o seu sucesor. Resta ver se o estilo directo do mesianismo uribista finalmente logrou alterar as bases dun sistema político que comeza a observar o ascenso doutras opcións máis progresistas e alternativas.

Todos estes elementos serán medidos con meticulosidade por un Santos que asume a presidencia aparentemente tentado a distanciarse do legado do seu “mentor”. Radiografía complexa se tomamos en conta que os parámetros de seguridade seguirán marcando a pauta, en especial ante a ampliación da cooperación militar con EEUU. En todo caso, e baixo un manto de estabilidade política e institucional, o tránsito de Uribe a Santos certificará o final dunha controvertida etapa na historia colombiana.
 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/08/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta